lunes. 19.04.2021 |
El tiempo
lunes. 19.04.2021
El tiempo

PONTEVEDRANDO... EFECTO PO2

Pontevedrando... Marca propia

Imagen de archivo de la presentación de la campaña Efecto PO2 con el alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, y la edil Anabel Gulías. GONZALO GARCÍA
Imaxe de arquivo da presentación da campaña Efecto PO2 co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil Anabel Gulías. GONZALO GARCÍA
Efecto PO2 recolle un pouco todo o que Pontevedra fixo nas últimas dúas décadas e pico

Publicaban estes días un reportaxe nunha revista alemá sobre o Efecto PO2. Eu lino en voz moi alta de punta a cabo e non entendía nada (non sei alemán) pero supoño que dicía cousas bonitas porque foi o alcalde Lores quen o colgou na súa conta de Twitter. Máis ou menos un día antes ou despois, non recordo, publicábase a axenda do Goberno para explicar o modelo pontevedrés en foros polo mundo enteiro.

Fan ben en utilizar o Efecto PO2 como marca case comercial. O do modelo tiña os seus inconvenientes. Calquera alcalde ou alcaldesa do mundo pode dicir que ten un modelo para a súa cidade, e en moitos casos terano, pero iso non significa que ese modelo sexa bo ou mellor que outros. Así que xa que a transcendencia da nosa cidade crece e se expande, mellor é identificala cunha marca propia e exclusiva que non xere confusións. O do modelo funcionaba ben para consumo interno, pero non era o nome máis apropiado para vendernos polo mundo adiante.

Pasa un pouco como o Metrominuto. Eu ao principio non o entendía porque, pensaba, os veciños de Pontevedra non necesitamos un plano e os turistas, no caso de que non teñan Google Maps sempre se apañarán mellor cun deses planos que lle dan nun hotel ou nunha oficina de turismo que cun que é como un plano de metro. Logo resultou funcionar moi ben, porque para o que ao final serve é para que as cidades que se fixan no caso de Pontevedra, ou aínda que non o fagan, teñan no Metrominuto unha marca e un logo que serve para representar o compromiso da cidade para fomentar os desprazamentos a pé e minguar o uso do coche.

Hoxe xa non sei cantas ducias de cidades copiárono, o que nos demostra que foi unha boa idea e que axudou a que desde fóra entendesen que a proposta de Pontevedra como cidade amable, sostible e ecolóxica ía en serio. A imaxe ten a súa importancia, como todos sabemos, e transmitir unha imaxe orixinal, moderna e esas cousas impacta moito á hora de explicar que é o que fixemos e facemos en Pontevedra.

Supoño que a denominación da nosa experiencia como Efecto PO2 funcionará. E tristemente tivemos que vivir unha pandemia para que se fixen máis na nosa cidade como un lugar idóneo para vivir e traballar e desde logo para visitar, con espazos amplos e moita actividade rueira. é un bo momento xa para ir pensando en todos os xeitos posibles de atraer turismo de calidade. Coa zona monumental que temos, coas prazas e as rúas peonís, coas rutas de sendeirismo que estamos a inaugurar temos dabondo todo o necesario para que nos vexan como a mellor gran cidade do noso país e unha das top da península ibérica, que nada ten que envexar a calquera cidade europea do noso tamaño ou maiores.

O turismo cultural pode ser outra das nosas grandes vantaxes. Temos o mellor Museo Provincial do Estado e Pontevedra é un fervedoiro de oferta cultural. Todo iso poderase gozar sen restricións nuns meses, poida que cara ao final do verán e ao longo do cuarto trimestre. Aí teremos que deixarnos a vida para atraer a xente que queira coñecernos e o Camiño estará a pleno rendemento e con dous anos santos seguidos. Hai que ter un pouco de paciencia. Nós temos como cidade os deberes feitos para atraer turismo de calidade en canto se poida. 

Así que ese nome, Efecto PO2, recolle un pouco todo o que fixemos nas últimas dúas décadas e pico. Aí entran os primeiros anos da peonalización da zona antiga, a extensión a todo o centro urbano, as Centralidades parroquiais, os carreiros, a redución de gases contaminantes, as cero vítimas mortais por atropelo, o compostaxe, e explícao como un proxecto global no que todo iso está interconectado. Xa non falamos soamente da reforma urbana que nos deu a coñecer e valeunos unha chea de premios, senón de algo que vai moito máis alá e que inflúe positivamente na vida diaria da veciñanza e iso é algo que merece a pena ensinar e coñecer. Estamos nunha fase na que xa vemos o puzzle case feito aínda que falten moitas pezas por colocar, que como vemos sempre se pode avanzar se se mantén unha idea e hai tempo para desenvolvela.

Pontevedrando... Marca propia
comentarios
ç