María Victoria Moreno protagonizará un dos 'Paseos pola Pontevedra literaria'

Co roteiro na honra de Moreo pecharase a nova serie de 'paseos' que inclúen tres camiñadas abertas ao público

María Victoria Moreno. EP
photo_camera María Victoria Moreno. EP

A autora homenaxeada no último Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, protagonizará un dos 'Paseos pola Pontevedra literaria', que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o Concello realizarán no mes de outubro pola cidade. A autora e mestra centrará o percorrido do 27 de outubro, que conducirán a profesora Ana Acuña e a autora e académica Fina Casalderrey. Esta última foi precisamente a literata encargada de inaugurar esta iniciativa en Pontevedra en abril de 2017.

Co roteiro na honra de Moreno pecharase a nova serie de "paseos", que inclúe tres camiñadas abertas ao público. As outras dúas terán lugar o 6 de outubro, a cargo de Elisabeth Oliveira, e o día 20 dese mesmo mes, a cargo de Tamara Andrés.

Segundo informou o Concello, a inscrición para participar en calquera deles ábrese o martes 25 de setembro. Pode realizarse, de balde, no correo electrónico: [email protected]. As prazas estarán limitadas a 50 persoas en cada paseo.

A iniciativa das camiñadas pola cidade da man de distintos autores relacionados coa capital da provincia comezou en abril de 2017 con rutas guiadas por Fina Casalderrey, Xosé Monteagudo e Xosé Vázquez Pintor. En setembro dese ano houbo unha segunda edición con Eva Mejuto e Xesús Constela. A terceira, a pasada primavera, tivo como protagonistas a Manuel Lourenzo, Montse Fajardo e Víctor Fernández Freixanes.

Comentarios