O marisqueo regresa á faena tras dúas xornadas de peche por toxinas

Un dos días perdidos pola alerta, o primeiro no que vai de ano, recuperarase o próximo 30 de abril
Marisqueo en Lourido. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Marisqueo en Lourido. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

O marisqueo regresará este venres á faena logo de dúas xornadas de peche cautelar por toxinas. Así llo comunicou o Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño (Intecmar) ás tres confrarías do fondo da ría. Os depósitos de San Telmo de Pontevedra, San Andrés de Lourizán e San Gregorio de Raxó poderán retomar a extracción de ameixa con todas as garantías.

O sector a pé, o máis numeroso, farao seguindo o calendario previsto: ás 12.00 horas na praia do Ameixal de Lourido e no areal dos Praceres, en Lourizán. Unha das xornadas perdidas por esta alerta biolóxica, a primeira no que vai de ano, recuperaranse o próximo 30 de abril.

A continuación da actividade marisqueira coincide co anuncio de ampliación do horario para a hostalería, concretamente para os restaurantes, que poderán servir ceas ata as once da noite, a hora á que tamén se atrasa o toque de queda en toda Galicia. Esta desescalada na restauración podería beneficiar ao sector na poxa da lonxa. Se aumenta a demanda de marisco, os prezos na rula serán mellores.

Os 438 traballadores do marisqueo nas praias do fondo da ría terán un cota máxima de dez quilos de ameixa xapónica, a máis abundante nos areais de Poio e Pontevedra. O peche cautelar decretado esta semana polo Intecmar obrigou a devolver mercancía ao mar.

Comentarios