Marta Pazos, Iago Barbeito e Víctor Fernández Freixanes participarán nas Conversas na Uvi

A sexta edición das charlas abertas ao público, que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo, inaugurarase o martes 25 de novembro na Casa das Campás
O público asistente á cita na Casa das Campás. RAFA FARIÑA - Conversas na UVI Rodrigo Cota y Rafa Domínguez
photo_camera O público asistente a unha das charlas de Conversas na Uvi. RAFA FARIÑA

A dramaturga Marta Pazos, o neto do fundador da empresa Cristalería Pontevedresa, Iago Barbeito, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, serán os primeiros protagonistas do ciclo Conversas na Uvi, un proxecto que realizan en común Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo, e que este ano chega á súa sexta edición. "O obxectivo é o mesmo que tiñamos ao principio, o de crear un espazo de conversa para coñecer a xente de Pontevedra que está a desenvolver o seu labor en distintos espazos profesionais", explica o coordinador das charlas, o crítico literario de Diario de Pontevedra e comisario de arte, Ramón Rozas. "É unha maneira de coñecer ás persoas fóra do seu espazo habitual, nun ambiente máis relaxado e íntimo".

Conversas na Uvi caracterízase por poñer fronte á fronte a un xornalista ou columnista de Diario de Pontevedra cunha persoa relevante no seu ámbito de traballo para manter con ela unha charla distendida aberta ao público. As sesións celébranse na Casa das Campás os últimos martes de cada mes e rematan co curso universitario. O calendario deste ano iníciase a vindeira semana (26 de novembro) coa charla que manterán Ramón Rozas e a directora da compañía Voadora, Marta Pazos. Seguiranlles, o 19 de decembro ("nunha data que non se corresponde co último martes do mes, porque a adiantamos a causa das celebracións de Nadal"), o columnista Rodrigo Cota e o empresario Iago Barbeito. A primeira conversa de 2020 correrá a cargo da xornalista María Varela e do académico e escritor Víctor Fernández Freixanes. Será o 28 de xaneiro.

"Seguimos apostando por un espazo relaxado e íntimo"

CRISE. "Esta é a sexta edición dunhas conversas que naceron en plena crise económica e social", lembra Ramón Rozas. "Buscabamos, a través dese xogo de palabras que lle dá nome ao ciclo, Conversas na Uvi, debuxar un espazo de emerxencia para a palabra". Segundo recoñece, as cousas non cambiaron tanto dende entón. "Un sempre pensa que as cousas se van a tranquilizar, pero agora xa se está a falar de que volvemos entrar nunha situación complicada economicamente. E a situación política que vivimos, con tantos procesos electorais, acaba contaxiando á sociedade dese balbordo. Así que segue sendo igual de necesario manter esta parte de reflexión e pensamento".

Rozas cre, ademais, que Conversas na Uvi foi capaz de fidelizar a un certo público. "Hai xente que é habitual, que sabe que o último martes de cada mes se crea este espazo de conversas. E despois hai un público puntual que ten cabida nesta proposta tan heteroxénea na que hai charlas con xente do mundo da cultura, da política ou da investigación", explica. "Eu penso que o gran éxito destes encontros é o formato: dúas persoas conversando tranquilamente sen ningún obstáculo polo medio. Penso que é algo que a xente valora moito, esa proximidade ao convidado".

Comentarios