Martirio e Mónica de Nut comparten contradición

O ciclo feminista do Concello 'Contrariadas' suma unha actuación conxunta das dúas artistas o 3 de marzo no Teatro Principal ► A galeguista Yolanda Díaz Gallego ofrecerá unha charla o 14 de marzo na Casa da Luz

Unha foto promocional de Martirio. DP
photo_camera Unha foto promocional de Martirio. DP

Un concerto de Martirio e Mónica de Nut e unha palestra de Yolanda Díaz Gallego veñen de sumarse ao ciclo de pegada feminista Contrariadas, que puxo en marcha o Concello de Pontevedra o 12 de xaneiro coa actuación de Nathy Peluso e Wöyza. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou este xoves estas actividades que lle dan continuidade "a unha proposta que relaciona o discurso feminista co espírito de contradición".

Segundo contou Fouces, Martirio e Mónica de Nut realizarán os seus espectáculos por separado para fusionarse nalgún momento. "Sabemos que teñen moitas ganas de traballar xuntas", comentou. "Pertencentes a épocas diferentes, pero as dúas cunha forza vocal e interpretativa indescritibles, representan á perfección a esencia deste ciclo".

Martirio presentará en Pontevedra o seu traballo, Antología. A intérprete andaluza María Isabel Quiñones Gutiérrez, coñecida artisticamente como Martirio, é unha referente da fusión e da vangarda da música contemporánea española practicamente dende que comezou a súa carreira, a mediados dos anos 80. Posuidora dunha imaxe moi particular e recoñecible, marcada polo uso duns anteollos escuros e polas "peinetas", en 2016 recibiu o Premio Nacional das Músicas Actuais.

Xunto a ela estará unha das grandes voces da escena galega, Mónica de Nut. A artista, que presentará na cidade o seu traballo Raíces aéreas, realizado xunto ao arpista Luís Martins, participou no último festival Cantos na Maré acompañando a Mercedes Peón. Fouces lembrou que o novo disco de De Nut está inspirado nas gravacións "dos cantos crus e vitais da Galicia ancestral dos anos 50".

As entradas están á venda en ataquilla.com e no despacho de billetes da Casa da Luz (20.00 horas, 18,25 euros).

Coido que paga a pena escoitar a voz desta muller de acción, boa e xenerosa, dixo Carme Fouces sobre a palestra de Díaz Gallego

MULLER BRAVA. Tal e como xa anunciara Fouces na presentación de Contrariadas, o ciclo abriríase a algo máis que música e aspiraría a acoller eventos de distinta índole: dende teatro ata conferencias. A primeira charla que se incluíu na iniciativa foi a dunha galeguista histórica, Yolanda Díaz Gallego, que falará da súa vida e da súa experiencia o 14 de marzo na Casa da Luz (20.00 horas, entrada libre). Será unha palestra "dunha muller brava, vencellada ao nacionalismo e á figura de Castelao, pertencente a unha familia de ideoloxía republicana represaliada tras a Guerra Civil".

Fouces lembrou que Díaz, de 87 anos e que vive a medio camiño entre Sarria e Barcelona, estivo emigrada no Uruguai, onde foi durante unha década a única muller entre os 126 homes que traballaban no Banco de Galicia en Montevideo. "Coido que paga a pena escoitar a voz desta muller de acción, boa e xenerosa".


O Concello porá un autobús á manifestación do 3 de marzo en Lugo e realizará unha acción arredor da feminización do rueiro

Entre as actividades que o Concello de Pontevedra prepara de cara á celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, están unha campaña de cartelería propia; un autobús para acudir á manifestación feminista do 3 de marzo en Lugo; o cuarto Plan Municipal de Igualdade; unha nova edición dos cursos Somos Quen polas parroquias e unha acción arredor da feminización do rueiro.

Así o anunciou este xoves Carme Fouces, que ademais de concelleira de Cultura éo de Igualdade, aproveitando que informaba sobre as novas citas do ciclo Contrariadas.

Segundo contou a edil, Pontevedra contará cunha campaña propia para o 8 de marzo, que se usará en cartelería e noutros soportes. Ademais, explicou que o Concello fretará un autobús á manifestación feminista unitaria que os distintos colectivos celebrarán en Lugo o 3 de marzo. As inscricións poderán realizarse a partir do 25 de febreiro no Centro de Información á Muller (CIM).

Fouces tamén avanzou que, a pesar da súa complexidade, agarda facer público o cuarto Plan de Igualdade antes do fin de marzo e que se retomará o programa Somos Quen, que inclúe cursos para as mulleres no rural. Finalmente, haberá unha acción, por determinar, relacionada coa feminización do rueiro da cidade.

Comentarios