A máscara e a protección solar, imprescindibles para ir á praia

No kit básico para pasar a xornada á beira do mar tampouco faltan a sombrilla, o flotador XXL, e a tumbona 
playa
photo_camera Xente con antucas e flotadores xigantes na praia. JOSE LUIZ OUBIÑA

A primeira metade do mes de xullo está a regalarnos días de moito calor, con temperaturas que chegan a superar os 34º graos, o que invita a pasar un día entre o mar, o sol e a area. Sempre con medidas de protección xa que nos tempos que corren non se pode ir á praia de calquera xeito.

Preparar a bolsa coas cousas necesarias para pasar a xornada na praia parece unha tarefa sinxela, pero son moitos os accesorios que se van sumando ao kit de básicos.

O bañador e a toalla son fundamentais, pero non se acaba aí, cada vez a xente leva máis cousas para que sexa un día completo, divertido e cómodo.

A protección nunha xornada de sol sempre foi primordial, pero este ano hai que protexerse por partida dobre.

Por unha banda, contra o coronavirus, que segue estando aí, polo que é imprescindible levar a máscara sempre nas entradas e saídas dos areais ata chegar ao lugar no que imos despregar a nosa toalla e sempre que non se poida garantir unha distancia de seguridade mínima, sobre todo nos últimos días, que as praias están cheas de xente.

Doutra banda, este ano a crema de protección solar é máis importante que nunca debido a que os tres meses de confinamento tamén afectaron á pel, facéndoa máis sensible xa que a pesar de que o sol e a calor sexan os mesmos que outros anos a dermis compórtase dunha forma diferente, non pasou por unha exposición ao sol de xeito gradual nos últimos meses e non está preparada para enfrontarse a fortes raios UVA.

Este ano a crema de protección solar é máis importante que nunca. A pel non está preparada para fortes raios de sol

Co obxectivo de evitar queimaduras, principais causantes do cancro de pel, do fotoenvellecemento e as manchas, debemos protexernos desde o primeiro momento.

SOMBRILLAS. Outro dos elementos que non faltan nas praias para protexerse do sol e evitar golpes de calor son as sombrillas. Convertéronse nun clásico que enche de cor os areais, xa que son moi poucos os que se atreven a pasar un día de praia sen a protección e resgardo destes parasois.

Xunto ás sombrillas, se hai algo que cada ano se vai sumando aos obxectos fundamentais son as cadeiras ou tumbonas de praia. Aínda que algúns están máis que satisfeitos con só unha toalla cada vez son máis os que se suman á comodidade dunha cadeira. Teñen como vantaxe a súa versatilidade e a súa facilidade para levalas dun lado a outro.

Se o plan inclúe comer na praia nunca falta unha pequena neveira con moita auga, froita e comida fresca.

Nos últimos anos os flotadores convertéronse na accesorio estrela, aínda que sempre foron moi recorrentes, actualmente reinventáronse e teñen tamaño XXL.

O clásico patiño amarelo en tamaño xigante está a converterse en tendencia e xunto a el pódense ver nadando na beira do mar cadeiras de brazos flotantes, flamencos, cines, piñas, pizzas...

Para pasar un bo intre, son moitas as cousas que se poden levar para xogar á parte dos flotadores.

As máis comúns son as raquetas ou as pelotas de volley praia, xa que moitos areais están dotados de redes para poder xogar .No caso de ir á praia con nenos os cubos, pas e castelos para pór a proba a creatividade dos máis pequenos sempre son a mellor opción.

Comentarios