Medio Natural prepara 215.000 euros para investir nos espazos verdes

O parque canino nos terreos de Tafisa e a reposición dunha ponte no paseo fluvial do río dos Gafos están dentro destas novas partidas
Iván Puentes. DP
photo_camera Iván Puentes.

A crise sanitaria provocada pola covid-19 tradúxose nun incremento excepcional do gasto para a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que redobrou esforzos para conservar as zonas verdes e parques en boas condicións durante o estado de alarma, evitando así a aparición de posibles focos de infección, e que agora terá que facer fronte ás novas esixencias de mantemento, limpeza e desinfección da nova normalidade. Por este motivo, o departamento que dirixe Iván Puentes nutrirá o seu orzamento para 2020 dunha achega de 215.000 euros, 110.000 a través da modificación de crédito que o Goberno Local levará nestes días á Comisión de Facenda e 105.000 pola vía da transferencia.

Tal e como explica o edil socialista, a meirande parte destes cartos (eses 105.000 euros), destinarase precisamente "a cubrir o incremento do gasto corrente na conservación e mantemento de espazos verdes (incluídas as podas e desbroces) e parques de xogo" e as novas necesidades de limpeza que trouxo consigo a pandemia. A covid-19 tamén aumentou substancialmente os requirimentos de documentación técnica para o desenvolvemento e materialización de plans de traballo, un apartado que o concelleiro fortalecerá con 60.000 euros para a prestación de asistencias técnicas. "Esencialmente para a redacción de proxectos de obra como a rexeneración das marxes fluviais do Lérez, un estudo coa Universidade sobre as zonas verdes da cidade na nova normalidade e o plan para o novo parque infantil de Pasarón".

Asemade, o edil reservará unha achega de 50.000 euros a investimentos, en concreto para suplementar as partidas xa reservadas á creación dun parque canino nunha parcela duns 4.300 metros cadrados nos antigos terreos de Tafisa (contratado á empresa Naturgalia SL por 47.849,69 euros) e á reposición dunha pasarela de madeira no río dos Gafos, á altura da parroquia de Tomeza, así como o arranxo doutra próxima ao ximnasio Budo.

Comezan os traballos de posta a punto dos parques públicos en todo o rural
A Concellaría de Coordinación do Medio Rural, xestionada polo concelleiro Alberto Oubiña, acometerá a posta a punto de todas as áreas de xogos e parques infantís das parroquias durante as dúas vindeiras semanas. En total, o Concello actuará en 16 espazos de xogos co obxectivo de subsanar os deterioros e desperfectos ocasionados durante os últimos tres meses, nos que permaneceron inactivos e sen mantemento por mor das restriccións derivadas da crise sanitaria da covid-19.

Esta posta a punto é o paso previo á súa próxima apertura de cara a ter este tipo de instalacións "nas mellores condicións de uso para que a rapazada poida empregalas con normalidade e tamén para garantir a súa conservación no tempo", indica Alberto Oubiña. A actuación ten un orzamento total de 27.700 euros e dará comezo a vindeira semana nos parques de Salcedo, Santa María de Xeve, Sobral e nos dous do Pontillón.

Os traballos inclúen, dunha banda, tarefas de adecentamento do espazo como desbroces da contorna na que se ubican as áreas de xogos, rozas e limpezas de herba, arranxos de valados perimetrais, reposición de trozas de céspede artificial, hixienizado da grava, e volteo de areeiros mediante motocultor. Doutra banda, tamén atenderán á posta a punto dos propios elementos de xogo con labores tales como reposición de pezas danadas ou deterioradas, repintados puntuais, e limpeza e lasurado de bancos e columpios.

Por outra banda, o Concello pontevedrés persiste na idea de manter pechados os parques infantís a pesar de que a incidencia da covid é nula na cidade.