Meijón destaca que os PGE incrementan nun 30% a asignación para a provincia

Vigo leva máis da metade dos 211,19 millóns de euros previstos, mentres que a capital queda con só o 12,4% do orzamento
Fernández, Meijón e Adrio, na Praza da Peregrina. DP
photo_camera Fernández, Meijón e Adrio, na Praza da Peregrina. DP

O coordinador dos deputados e senadores do PSdeG-PSOE e vicepresidente da Comisión de Presupuestos del Congreso, Guillermo Meijón, asegurou este sábado que as contas do Estado para 2021, dadas a coñecer esta semana, reflicten investimentos por valor de 211.195.300 euros para a provincia de Pontevedra, o que supón "un incremento dun 30% con respecto aos orzamentos de 2018 (160.132.110 €) e aos de 2019 (162.535.760 €)". 

Meijón destacou que "a esta cifra hai que sumarlle os 55 millóns de euros destinados á rebaixa de peaxes da AP-9: 50 millóns para bonificacións, 1.530.150 euros para a gratuidade do treito Vigo-Redondela e 3,4 millóns de euros orientados á supresión da subida anual acumulativa do 1%. Un compromiso electoral do PSOE feito realidade nas primeiras contas do seu mandato, que atalla o agravio que Galicia sofre coa AP-9 e que contrasta coas continuas promesas que Rajoy e Pastor dilataron eternamente no tempo e que nunca fixeron realidade", afirmou.

O deputado socialista fixo estas valoracións onte acompañado pola senadora Marica Adrio e polo voceiro do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández, e lembrou que "os PGE para o ano 2021 parten dunha circunstancia excepcional, a pandemia da Covid-19, e dun obxectivo irrenunciable, salvar ás persoas, lograr que ninguén quede atrás, tanto a nivel sanitario como económico", o que fai que o aumento de investimentos na provincia e no conxunto de Galicia "cobre aínda máis valor". 

Pola súa banda, Adrio salientou que os orzamentos "contan co maior gasto social da historia do noso país, 240 millóns de euros, e que permiten uns incrementos nunca vistos en achegas claves para a recuperación socioeconómica que precisamos impulsar". 

O 57% PARA VIGO.  Segundo as cifras desveladas onte polo PSOE, Vigo é a gran beneficiada nas asignacións, ao levar 121,57 millóns de euros -o 57% do total-, só tendo en conta os proyectos concretos, polo que engadindo as inversións xerais non especificadas, a suma resultante é aínda maior.

Nesta xenerosa asignación do Estado á cidade olívica ten un protagonismo especial a Zona Franca, que recibirá 52 millóns de euros, é dicir, un de cada catro euros do destinado á toda a provincia.

O Porto de Vigo percibirá 26 millóns aos que se lle suman ós 25,2 millóns que investirá Adif en Vigo e ós 15,5 de Enaire para Peinador, resultando o total da inversión.

Fronte a esta chuvia de millóns, a capital queda con só o 12,4% da inversión na provincia (26,27 millóns de euros), o que evidencia unha clara descompensación no reparto. Sobre todo tendo en conta que entre as dúas cidades suman o 70% do orzamentado.

En canto ó resto das grandes partidas, o Porto de Marín acada uns 10 millóns de euros e o de Vilagarcía leva pouco máis de 2,7 millóns.

Galicia en Común fala dunhas "contas históricas" 
Antón Gómez Reino. DPA provincia de Pontevedra contará para o vindeiro ano con 54 millóns de euros máis para investimentos, o que supón un 36% máis que nos orzamentos do ano 2018.
"Trátase duns orzamentos históricos para o conxunto de Galicia", sinalou o voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, "mais tamén para toda a provincia de Pontevedra, cun aumento dos investimentos e unha partida dun millón e medio para facer gratuíto o tramo Vigo-Redondela da AP9". 
Lembra que son moitas as actuacións longamente demandadas polos veciños da provincia de Pontevedra "que, por fin, ven a súa plasmación neste borrador de PGE".  
Neste senso, destaca os 2,3 millóns de euros que consigna o Goberno central para a remodelación da conexión norte da cidade do Lérez -Nó de Bombeiros-, así como 21 millóns de euros para os 6,2 km do tramo da A-57 entre Vilaboa e A Ermida.
Ademais, prevense dous millóns para o itinerario peonil entre Marín e Pontevedra, 37 millóns de euros para varias actuacións nos portos de Marín, Vilagarcía e Vigo e unha mellora do ferrocarril entre Vigo e Tui valorada en 7,5 millóns de euros. Tamén se inclúe unha partida para completar a redacción do proxecto da variante da A-52 entre Vigo e O Porriño.

Comentarios