
O ano do coronavirus, o que paralizou o mundo e o sumiu nunha crise sanitaria e económica sen precedentes, foi tamén o ano no que o Museo de Pontevedra adquiriu unha peza central da historia de Galicia, o orixinal do álbum Nós de Castelao ou o ano no que o restaurante Culler de Pau, que o chef Javier Olleros ten no Grove, se fixo coa ansiada segunda estrela Michelin para a cociña galega. 2020 foi unha traxedia, pero no medio do desastre houbo momentos para a felicidade. Os últimos doce meses deixan cousas extraordinarias no ámbito cultural pontevedrés.
Por exemplo, o cesureño Xavier Senín fíxose co Premio Nacional á Obra dun Tradutor, un galardón do Ministerio de Cultura que recoñece o conxunto da traxectoria dun home que ten no seu haber máis de 150 títulos, incluídos os álbums de Astérix. Era a primeira vez que este recoñecemento recaía nun galego. Outro fito foi a consecución dun Eisner, os galardóns máis importantes da industria do cómic a nivel internacional, por parte de Emma Ríos, debuxante de Vilagarcía de Arousa.
Postos a falar de premios, Lorena Conde fixo de 2020 o seu gran ano. A escritora de Ponte Sampaio gañou tres: o III Premio María Victoria Moreno, o XXXVI premio Cidade de Ourense de Poesía, e o Premio Filomena Dato.
En canto aos aniversarios, o ano comezaba co Museo de Pontevedra celebrando o centenario do nacemento de Leopoldo Nóvoa cunha gran exposición. A maiores, a colección Tambo de poesía cumpriu 20 anos cun Premio Nacional, o que recibiu Feliz Idade, de Olga Novo. O ciclo expositivo Na beira do río. Diálogos na pintura celebrou unha década de existencia e a Facultade de Belas Artes, o seu XXX aniversario.
No ámbito institucional, a Xunta declarou a Fundación Moldes de interese cultural e o Concello anunciou o seu interese por incorporar o Convento de Santa Clara ao patrimonio da cidade.
Guadi Galego e Xabier Díaz ofreceron o gran concerto do ano na explanada do Recinto Feiral e Manel Loureiro conseguiu que toda España se preguntase onde quedaba Viascón tras publicar La puerta. Finalmente, nun ano no que as illas de Pontevedra protagonizaron dúas das grandes películas do ano, La isla de las mentiras e Ons, a última produción de Matriuska, A media voz, foi premiada no festival de documentais máis importante do mundo, o de Amsterdam, e no de Málaga.
O confinamento obrigado e os accesos controlados converteron 2020 no ano da explosión do virtual. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil apenas levaba uns días aberto cando se decretou o estado de alarma. Tivo que reconverter toda a súa programación ao formato virtual. Fíxoo con éxito. Algo semellante pasou coa Culturgal. A feira pelexou ao longo de todo o ano para poder ter unha versión presencial e conseguiuno, pero ampliou considerablemente a súa oferta online a través de tres canles emitindo en streaming. Da mesma maneira, o festival Novos Cinemas combinou pases presenciais no Teatro Principal cunha canle propia na plataforma Filmin.
Premio Nacional para Xavier Senín
Apenas uns días despois de ser nomeado pola RAG académico correspondente, Xavier Senín (Pontecesures, 1949), tradutor de Astérix ao galego, tamén de Shakespeare ou de Yasmina Reza, era merecente do Premio Nacional á Obra dun Tradutor.
Premio Eisner para Emma Ríos
Nada menos que un Premio Eisner, algo así como os Oscar do cómic, viña no verán para Galicia. Recibiuno Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976) polas portadas do número tres da serie Pretty Deadly (‘Bella Muerte’), que realiza con Sue DeConnick.
Manel Loureiro pásase ao thriller
La puerta foi un dos grandes lanzamentos da editorial Planeta nesta última parte do ano. O seu autor, o pontevedrés Manel Loureiro, debutaba con este título no thriller e facíao ambientando a súa historia en Pontevedra e en Cerdedo-Cotobade.
O gran concerto de Guadi e Xabier
Nun 2020 orfo de grandes actuacións musicais, Guadi Galego e Xabier Díaz ofreceron o concerto do ano en Pontevedra, unha actuación, con distancia de seguridade e forte carga emotiva, que tivo lugar na explanada do Recinto Feiral.
A colección Tambo cumpre 20 anos
Recibindo o Premio Nacional de Poesía por Feliz Idade, de Olga Novo, a colección Tambo de poesía, que creou Luís Rei en 2000 e que actualmente publica Kalandraka, cumpría 20 anos de vida. Vén de publicar unha obra inédita de Manuel Álvarez Torneiro.
O Eirado da Leña mete a Pontevedra na Guía Michelin
A última gala Michelin, na que se dan a coñecer as novidades da súa prestixiosa guía gastronómica, deixou unha dobre alegría en Pontevedra. Por unha banda, a guía outorgáballe dúas estrelas a Culler de Pau, o restaurante de Javier Olleros no Grove. A cociña galega en xeral e o establecemento de Olleros en particular viñan sendo merecentes había tempo do recoñecemento. Tamén o era dunha estrela o Eirado da Leña, do chef Iñaki Bretal en Pontevedra, que por fin a acadou.
O Museo adquire os orixinais do álbum Nós
No verán de 2016, o Museo de Pontevedra inauguraba unha gran exposición arredor da figura de Castelao e da súa relación con Pontevedra. Buscando material para esa mostra, os comisarios Ángeles Tilve e José Manuel Castaño localizaron, nunha colección particular, os orixinais do álbum Nós, de Castelao, que se consideraban desaparecidos. Clausurada aquela exposición, os orixinais quedaron depositados no Museo, que acondicionou parte das salas Castelao para expoñelos de xeito permanente. O pasado 18 de decembro, a Deputación anunciou que mercaba a obra tras chegar a un acordo cos propietarios.
Lorena Conde, o nome do ano
Se houbo unha gran protagonista este ano esa foi Lorena Conde (Ponte Sampaio, 1980). Gañou o III Premio María Victoria Moreno, o XXXVI premio Cidade de Ourense de Poesía e o Premio Filomena Dato.
Málaga e IDFA premian ‘A media voz’
A última produción de Matriuska, A media voz, é un dos títulos do ano en España. Gañou premios no festival de documentais máis importante do mundo, o IDFA de Amsterdam, no de La Habana e tamén no de Málaga.
O Concello abre ao público Santa Clara
No verán, dentro da Semana do Patrimonio Invisible, o Concello abriu por primeira vez ao público o Convento de Santa Clara. Hai uns días anunciou que negociaba a súa compra para incorporalo ao patrimonio da cidade.