Mellorar a accesibilidade do Teatro Principal custará máis de 438.000 euros

As actuacións previstas permitirán un cambio na iluminación do edificio, a reforma e inclusión de novos aseos e a construción dun ascensor para acceder ás distintas plantas
undefined
photo_camera Parte traseira do Teatro Principal. J. CERVERA

A Xunta de Goberno local aprobou o luns o expediente de contratación para iniciar a reforma do Teatro Principal co obxectivo de dotalo dunha serie de melloras relativas á accesibilidade, á iluminación e a realización dun reforzo estrutural na zona do escenario.

O proxecto contará inicialmente cun orzamento de 438.478,34 euros separados en dous lotes diferenciados que terán un prazo de execución de 3 meses.

Desta forma, o primeiro lote de reformas inclúe todas aquelas que teñen que ver coa accesibilidade do edificio. Dunha banda, reformaránse os aseos da planta baixa para adaptar o seu uso a persoas de toda condición, incluíndo persoas ostomizadas. Doutra, instalaráse un ascensor na parte esquerda do vestíbulo principal, á beira das escaleiras, permitindo o acceso ás distintas plantas do Teatro. Ademáis, agora que a terceira planta conta cun uso de público habitual, tamén se construirán uns aseos novos, mellorando considerablemente o acondicionamento desta planta.

Unido a estas reformas, tamén se conta cunha actuación de reforzo estrutural, que se aplicará na zona de acceso técnico, que ven sufrindo o calor dos focos ao longo destes anos. Isto ocasionaba unha serie de pequenos problemas estruturais que serán resoltos con esta reforma.

Esta será a terceira gran reforma do inmoble desde a súa inauguración en 1997

Ligado ao tema do escenario irá o segundo lote, de arredor de 248 mil euros, que se centrará nos cambios da iluminación do escenario. Esta reforma, primeiro, axudará á desaparición dos problemas estruturais derivados da intensidade do calor xerada polos focos, e, segundo, o paso de focos incandescentes a LED "supoñerá un aforro enerxético do 90% respecto dos actuais", explicou a portavoz, Carme da Silva. Ademais, a nova instalación permitirá unha dixitalización do sistema de control da iluminación que pasará de ser analóxico a dixital.

Así, poderáse ter un control do proceso da iluminación moito máis preciso do que se tiña ata agora, ademais de que se realizarán máis e mellores xogos e actividades. Polo tanto, este último lote suporá unha bocanada de aire fresco para as compañías e todas as actividades que se desenvolven no teatro.

Esta será a terceira gran reforma do inmoble desde a súa inauguración en 1997, tras a reforma exterior no ano 2015 e a creación dunha sala de prensa na terceira planta do edificio no 2020.

Comentarios