'A Memoria das Mulleres' será divulgada de novo en TikTok da man de tres creadoras

María Rúa, Helena López e Sara Seco publicarán oito vídeos nos que narrarán biografías de mulleres pontevedresas
María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial). DP
photo_camera María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial). DP

A Concellería de Patrimonio e Memoria Histórica de Pontevedra puxo de novo en marcha, dentro do programa A Memoria das Mulleres, un ciclo de creación e divulgación de pezas audiovisuais da man de tres creadoras galegas.

Nesta ocasión, María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial) foron as escollidas para divulgar as diferentes biografías de mulleres presentes na web dogrisaovioleta.gal.

O destacable éxito da anterior campaña levou ao Concello capitalino a apostar de novo por este innovador formato, tendo en conta que algún dos vídeos da pasada edición chegou a contar con milleiros de reproducións e mesmo a facerse viral entre a comunidade dixital galega, cumprindo co obxectivo de divulgar un coñecemento que non sempre está a man entre as xeracións máis mozas, e mesmo tampouco entre as persoas adultas.

Rebotados a máis redes

De novo, a plataforma escollida para a publicación dos vídeos será TikTok, aínda que é habitual ver como os vídeos acaban sendo publicados ou rebotados a outras redes tralo seu lanzamento.

"Volvemos retomar esta vía de comunicación porque cremos que é unha aposta de cara á mocidade, un xeito de chegar e divulgar unha parte da memoria histórica, cunha ollada, ademais, feminista e feminina, nunha linguaxe coñecida por ela", explicou Xaquín Moreda, concelleiro de Memoria Histórica.

Como é habitual, todo o contido dos vídeos estará en galego e será publicado ao longo do que queda deste ano 2022.

2.000 visualizacións

Así, o primeiro vídeo foi publicado na noite deste pasado venres 22 de abril e este sábado pola mañá xa contaba con máis de 200 interaccións e case 2.000 visualizacións en menos de doce horas. E esas cifras seguiron medrando ao longo da xornada e de seguro que continuarán a facelo.

María Rúa foi a encargada de abrir esta nova serie de vídeos contando a vida de Regina do Batán, unha muller "brava e forte que lles abriu camiño ás demais", indicou.

Tal e como lembrou Moreda, o proxecto A memoria das Mulleres, nacido no ano 2013 da man do Concello, ten como finalidade construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.

Somos Iguais. Contos pola Igualdade
No marco do programa do 8M, a Concellería de Igualdade e o CIM puxeron en marcha dúas accións para formar en valores e actitudes de igualdade ao alumnado dos centros educativos. Esta mesma semana, o departamento que dirixe Yoya Blanco celebrou nos CEIP A Xunqueira II e Álvarez Limeses as primeiras sesións dos contacontos Somos iguais. Contos pola igualdade, destinados a Educación Infantil e que proseguirán nos vindeiros días nos demais centros. Asemade, a Concellería e o CIM retomarán os obradoiros de igualdade Libres de estereotipos e Machismo Game Over.

comentarios