A metade dos casos covid ingresados en Montecelo teñen posta a vacina

A presión hospitalaria dispárase e a previsión é que siga á alza nos próximos 10 días
Hospital Montecelo. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Hospital Montecelo. BEATRIZ CÍSCAR

A estas alturas da pandemia non quedan dúbidas de que a vacina contra a covid freou a expansión do virus pero, tal e como advertían os ensaios clínicos das farmacéuticas, non é infalible. Hai unha pequena porcentaxe de persoas inmunizadas (ao redor do 2% no caso da fórmula Pfizer) que non logran esquivar a enfermidade grave e un índice moito maior que a desenvolve en grao moderado, requirindo coidados hospitalitarios.

Ata fai relativamente pouco, os casos de pacientes que eran hospitalizados en Pontevedra coa pauta completa eran excepcionais e incluso inducían a dubidar se a administración do soro fora correcta. Agora non. Nestes momentos o 51% dos enfermos covid que están ingresados en Montecelo (ao redor de 16) están vacinados e a gran maioría recibiron as doses que indica o laboratorio de quenda para alcanzar o máximo grao de inmunización. O coordinador de ingresos e xefe de Dixestivo, Juan Turnes, afirma que a quinta onda volveu a cambiar o prototipo dos casos que acaban no hospital.

Estes xa non son eminentemente novos, senón que o (elevado) nivel de transmisión comunitaria fixo que regresen a planta pacientes de maior idade, dando lugar a dúas "grandes frontes". "Por unha banda temos a persoas de menos de 40 e 30 anos que se contaxiaron e que requiren de hospitalización, aínda que normalmente teñen bo prognóstico e son ingresos curtos, de dous ou tres días. E doutra banda, desde hai dúas semanas, empezamos a ter contagios intrafamiliares que afectaron a pais e avós, dos que algúns están a requirir de ingreso a pesar de estar vacinados. Nestes casos adoita haber unha peor evolución e probablemente algúns dos próximos falecementos sexan de persoas que foron vacinadas hai tempo coa pauta completa".

Como consecuencia, a media de idade dos pacientes hospitalizados aumentou ata os 60 anos, unha media que abarca casos moi novos, de "veintipico anos", e outros de idade avanzada, "por encima dos 80 e 90 anos" e con suposta inmnunización completa.

"Está claro que as vacúas están a funcionar, porque hai seis meses, cos casos activos que temos agora (3.031), teriamos máis de 100 hospitalizados (...). Ademais, o número de vacinados que non ingresou nin que se infectou é maior ao que necesita ser hospitalizado, pero tamén cabe recordar que a vacina non nos fai inmortais.

A pesar de estar inmunizados, temos que seguir adoptando as medidas de protección. Non só para evitar acabar na Uci, senón porque podemos ser asintomáticos e transmitir a enfermidade", indica o especialista a preguntas deste xornal.

Comentarios