Catro mil ostomizados en Galicia

Xogos infantís e actividades informativas desenvolvidas pola asociación ASSEII, e iniciativas musicais das enfermeiras expertas en estomatoterapia, fixeron do sábado un día de especial sensibilización cos pacientes ostomizados

undefined
photo_camera Participantes na campaña desenvolvida este sábado en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII) protagonizou este sábado en Pontevedra unha acción lúdica e formativa para visibilizar o paciente ostomizado. Tanto os folletos informativos como os xogos populares organizados con nenos e nenas na contorna da praza de España, pretendían sensibilizar e concienciar a sociedade sobre as carencias e necesidades das persoas portadoras de ostomías e, ao mesmo tempo, desestigmatizar os pacientes axudándolles a normalizar a súa situación.

A presidenta do colectivo, Ángela Paz, recordou que son "moitas" as persoas que se someten a unha ostomía ao longo do ano. Segundo os últimos datos oficiais, en España existen ao redor de 100.000 persoas ostomizadas e cada ano prodúcense máis de 13.000 novos casos, de acordo coas cifras públicas da Sociedade Española de Enfermería Experta en Estomaterapia (SEDE). En Pontevedra hai aproximadamente 1.420 pacientes que portan unha ostomía dos 4.200 que pertencen a Galicia.

As principais causas polas cales é necesario realizar unha ostomía son o cancro de colon, cancro de recto, diverticulite con peritonite intensa, infartos intestinais, traumatismos graves de accidentes, problemas anais complexos, o cancro de recto baixo e avanzado, tumores complexos do ano, colites ulcerosa complicada e Crohn.

Durante toda a mañá deste sábado, os membros da asociación repartiron folletos informativos ás persoas que se achegaron ata a caseta montada na praza de España e os xogos dos nenos trataron de facer máis visible esta situación dos pacientes ostomizados con camisetas que facían alusión ás enfermidades que xeralmente derivan na ostomización dos seus pacientes.

undefined

PRIMEIRO LIPDUB DE OSTOMÍA. Doutra banda, con motivo da celebración do movemento Nursing Now, unha iniciativa internacional que pretende poñer en valor á enfermería e fomentar o seu liderado, as enfermeiras de Pontevedra expertas en estomaterapia Cruz Gago Ferreiro, do Hospital Montecelo; María José Fabeiro Mouriño, do Hospital Álvaro Cunqueiro; Ana Isabel Corbal Obelleiro e Beatriz Crespo Fontán, enfermeiras en Atención Primaria, presentan a Campaña Son ET, coa finalidade de dar a coñecer a importancia do seu papel entre a poboación de Galicia.

Esta iniciativa arrinca cun lipdub, vídeo viral musical no que se sincronizan os xestos e movementos cunha canción, no que participaron máis de 120 enfermeiras que pertencen a Proxecto GESTO —Grupo formado polas Enfermeiras Expertas en ESTOmaterapia de España— e que foi rodado meses antes de que comezase a pandemia. Nel, as enfermeiras seguindo a música da canción Revolución de Amaral para reivindicar o seu papel como enfermeiras expertas, esenciais no coidado integral das persoas ostomizadas.

"A enfermería viviu en primeira liña os efectos da pandemia e, como dicimos no vídeo lipdub, chegou o momento de dar visibilidade á figura da enfermeira estomaterapeuta", afirma María José Fabeiro Mouriño, enfermeira estomaterapeuta do Hospital Álvaro Cunqueiro e membro de Proxecto GESTO.

Catro enfermeiras de Pontevedra protagonizan o primeiro lipdub de ostomía para dar a coñecer o seu papel

"Coa campaña Son ET queremos dar a coñecer o traballo que as estomaterapeutas realizamos desde as Consultas de Ostomía de Pontevedra. Contar cunha enfermeira estomaterapeuta de referencia é esencial para garantir a máxima calidade de vida dos 1.420 pacientes ostomizados pontevedreses", engade María José Fabeiro Mouriño, experta en estomaterapia no Hospital Álvaro Cunqueiro.

A campaña continuará ao longo de todo o ano nas redes sociais de Proxecto GESTO, desde as que se compartirán un total de 18 pílulas audiovisuais de coñecemento nas que as enfermeiras estomaterapeutas debullan en que consiste o seu traballo, cal é o seu papel e que achegan.

"Esta acción nace enmarcada dentro da celebración internacional Nursing Now na que participamos como compañía con programas específicos de liderado enfermeiro. O noso compromiso como compañía coas enfermeiras estomaterapeutas pasa tamén por potenciar a súa máxima visibilidade e mellorar o coñecemento que existe tanto nos hospitais como na sociedade, do papel que desempeñan. Esta campaña de Son ET, vai contribuír, sen dúbida, a avanzar nese camiño de coñecemento e visibilidade", explica Lucía Becerra, actual Directora de Mercadotecnia de Hollister.

Comentarios