Miles de persoas marchan en Pontevedra en defensa dun hospital "único"

Os manifestantes mostraron o seu rexeitamento ao proxecto de construción dun novo hospital en Monte Carrasco e defenderon a ampliación do de Montecelo

Centos de persoas convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública percorreron este venres o centro de Pontevedra para expresar o seu rexeitamento ao proxecto de construción da Xunta dun novo hospital en Monte Carrasco e para defender a ampliación do actual hospital de Montecelo, así como o sistema público de atención sanitaria.

Encabezaba a macha, que partiu do hospital provincial, unha pancarta co lema 'A sanidade pública non se vende, deféndese'. Ao longo de todo o percorrido numerosas organizacións políticas, sindicais e profesionais portaron pancartas, carteis e, incluso, paraugas con consignas contra a privatización da sanidade pública. Así, puidéronse ver representantes do BNG, PSOE, Marea de Pontevedra, Ciudadanos, CIG, Galiza nova, Asociación Sociosanitaria Educativa, agrupación comarcal de pensionistas de CC.OO., agrupación de profesionais da sanidade pública e colectivos de celadores, que corearon lemas como: "Somos doentes, non clientes".

Na lectura do manifesto, que tivo lugar na praza de España xunto á Subdelegación do Goberno, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Anxo Ricón, destacou que a plataforma reivindica a dotación dun edificio "único" ante as "deficiencias" das infraestruturas actuais.

"Non queremos un hospital en mans privadas que reproduza os problemas do Alvaro Cunqueiro en Vigo", afirmou, reclamando que canto antes se acometan as obras de ampliación de Montecelo. Entre os asistentes á protesta tamén se atopaban o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto a outros rexedores como o de Vilaboa, o socialista José Luís Pozeiro, e Carme Adán (BNG).

Comentarios