sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Monte Porreiro optará aos fondos europeos Next Generation da Unión Europea

O barrio de Monte Porreiro opta a ser un dos barrios beneficiados polos fondos europeo. GONZALO GARCÍA
O barrio de Monte Porreiro opta a ser un dos barrios beneficiados polos fondos europeo. GONZALO GARCÍA
A denominación de Contorna Residencial de Rehabilitación Programada é un dos obxectivos de cara a conseguir unha dotación máxima para o barrio de máis de 19.000 euros por vivenda

Monte Porreiro é o barrio elixido pola Concellería de Medio Ambiente, Proxectos e Obras do Concello de Pontevedra para optar os fondos Next Generation impulsados pola Unión Europea para a recuperación do continente tras a pandemia.

Tal e como explicou o concelleiro Demetrio Gómez en rolda de prensa, as opcións que ten o barrio para conseguir estes fondos pasan por que sexa declarado Contorna Residencial de Rehabilitación Programada, aspecto que esixe a convocatoria que xa está publicada na web do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O Concello entende que Monte Porreiro é o barrio que mellor se adecúa a estas axudas destinadas en parte á rehabilitación de vivendas. "Parécenos de extraordinaria importancia traballar nesta liña de axudas para a rehabilitación dun parque de vivendas que vai tendo xa os seus anos e precisa que se actúe sobre el", sinalou Gómez.

Para que o barrio poida recibir esta denominación o Real Decreto esixe a existencia dunha delimitación cartográfica. Neste sentido o concelleiro sinala que Monte Porreiro é "perfectamente definible e contorneable" polo que cumpriría esta premisa.

Por outra banda tamén é necesaria a elaboración dunha memoria ou programa de actuación que, segundo avanzou Gómez, xa está en fase de contratación. "Con ela buscamos a elaboración dunha análise xeográfica, urbanística, sociolóxica, ambiental e residencial a partir da cal poder fixar obxectivos e eixos de actuación", engade o concelleiro.

As liñas de axudas comezarán a funcionar en 2022 co obxectivo de rematar as rehabilitacións no ano 2026

A convocatoria destes fondos europeos contempla seis liñas de axuda dotadas con 1.151 millóns de euros, dos cales 67.275.950 euros serán transferidos á Xunta de Galicia. Un mínimo do 30% desas seis liñas de axuda irán destinadas á liña denominada como Rehabilitación a nivel de barrio, o que supón que 20 millóns de euros estarán adicados á rehabilitación de barrios de Galicia. Aí entran as opcións de Monte Porreiro. As axudas neste eido vánse destinar a tres tipos de actuación, dous deles con moita menos dotación económica e relativos á creación de oficinas de Portelo Único, onde se poidan xestionar as axudas, e á mellora na contorna, máis enfocada á mobilidade.

O terceiro tipo, e o máis dotado economicamente, é o adicado á rehabilitación de vivendas, poñendo o foco na mellora da eficiencia enerxética. Os veciños e veciñas do barrio de Monte Porreiro deberían poder optar a axudas de entre un 40% e un 80% sobre o investimento que fagan, isto é, un montante de ata 19.200 euros por vivenda. A porcentaxe podería incrementarse e chegar ó 100% nalgúns casos nos que se demostre a necesidade económica dos propietarios.

A intención do Concello é adicar o intervalo de setembro a decembro a traballar na confección do programa de actuación para chegar "cos deberes feitos" a 2022, ano no que a Xunta deberá poñer en funcionamento estas liñas de axuda. En 2026 deberían estar rematando as últimas obras de rehabilitación.

O concelleiro tamén indicou que certas obras no barrio serán realizadas entren ou non nas axudas da Next Generation, xa que o orzamento municipal relativo ó presente ano así o contempla.

Monte Porreiro optará aos fondos europeos Next Generation da Unión...
comentarios
ç