Montse Fajardo arroxa luz sobre a "incerta" biografía de Virxinia Pereira

O libro da escritora reflicte por primeira vez o compromiso político da esposa de Castelao
Virxinia Pereira. ASOCIACIÓN VAGALUMES
photo_camera Virxinia Pereira. ASOCIACIÓN VAGALUMES

"Hai moita xente que non sabe quen é Virxinia Pereira e os que se o saben só quedan con que foi a muller de Castelao". Así xustificaba este xoves Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica, a necesidade de publicar un libro que reivindique "a vida de loita por Galiza" dunha muller que durante anos permaneceu á sombra do seu ilustre marido.

A encargada de darlle forma a esta historia foi a escritora vilagarciá Montse Fajardo, que elixiu dar nome ao "primeiro texto adicado enteiramente á figura de Virxinia Pereira" co seguinte título: A vida incerta. Un título que non foi elixido ao azar e que a propia autora explicou este xoves durante na rolda de prensa onde se presentou o libro: "O título é moi ilustrativo, xa que por unha banda fai referencia á incerteza da súa vida, sempre suxeita a numerosos cambios; e por outro ao relato incerto que sempre se ofreceu dela".

Tal e como sostén Fajardo, "creouse a imaxe de que ela era unha señorita ben da Estrada que era simplemente a compañeira de Castelao, nun segundo plano e sempre coidando del. Pero ela era moito máis ca iso. Era unha gran loitadora antifascista, galeguista e defensora da lingua galega".

ORIXE. O libro foi publicado polo Concello de Pontevedra dentro do programa A memoria das mulleres da Concellería de Patrimonio e Memoria Histórica. O seu responsable, Xaquín Moreda, explicou como xurdira a idea: "O ano pasado, con motivo do 50 aniversario do seu pasamento, iamos adicarlle unha entrada na páxina web e mentras investigabamos atopamos as cartas que se intercambiou con figuras como Otero Pedrayo. Decatámonos de que había moita información que había que recuperar e plasmar nun libro. Desde modo, unha entrada web dunhas liñas acabou sendo un libro de máis de 300 páxinas".

Ao longo desas páxinas o lector atopará case 90 fotografías e documentos relacionados coa vida de Virxinia Pereira, así como unha ducia de obras pictóricas de Castelao relacionadas coa traxectoria vital da súa esposa. Montse Fajardo recoñece que tivo que intentar reducir o tamaño dos capítulos para "facilitar a lectura", dado que a cantidade de información consultada e plasmada nela é moi numerosa.

Destacan sobre todo as cartas que a estradense intercambiou con galeguistas tan destacados como Valentín Paz Andrade, Sebastián Martínez Risco e sobre todo Ramón Otero Pedrayo. Este último foi o único que, segundo Fajardo, "tiña en consideración política a Virxinia".

MISOXINIA. Pola súa condición de muller na época que lle tocou vivir, Virxinia Pereira tivo que sufrir "o menosprezo de moitos que dentro e fóra do galeguismo só a vían como esposa, cunha visión paternalista". Cando a realidade é que, tal e como se recolle nesta nova obra, o seu papel foi clave na historia do movemento nacionalista galego. Na sombra, pero sempre aí.

"Converteuse na medidora das cousas que estarían ó gusto de Castelao ou non"
Virxinia Pereira naceu o 19 de outubro de 1884 na Estrada no seo dunha familia adiñeirada. O seu pai chegou a ser deputado liberal e por iso "era unha nena que tiña todos os seus caprichos", tal e como constata Montse Fajardo.

É máis, podería dicirse que a súa vida parecía estar marcada desde un primeiro momento: "Cando casou con Castelao estaba destinada a ser simplemente a muller dun médico e levar unha vida cómoda". Con todo, a involucración política do seu marido fixo que a súa traxectoria vital fose de todo menos cómoda. 

Exilio
"O comezo da carreira política de Castelao cambiaría para sempre o seu destino", asegura a súa biógrafa. Tras o estalido da Guerra Civil e o posterior exilio do matrimonio, a vida de Virxinia Pereira converteuse nun "pasaporte perenne".

O seu momento de eclosión chegaría tras a morte do seu esposo, xa que a partir dese momento non se limitou unicamente a defender o legado de Castelao, senón que se converteu en medidora "de se as cousas estarían ó gusto do seu marido ou non". De feito, sempre se negou a recoñecer a bandeira vermella e gualda e loitou incansablemente contra o franquismo.

 


A loita polo legado de Castelao

Xaquín Moreda quixo poñer en relevo "a dobre relación de Virxinia con Pontevedra", xa que a estradense non só residiu aquí durante anos xunto ao seu marido, senón que tamén tivo un papel clave para que o legado de Castelao estivese no Museo de Pontevedra. Incluso se viu obrigada a recorrer á vía xudicial.

Montse Fajardo asegura que "dificilmente o Museo podería gozar da obra de Castelao se non fose polo empeño de Virxinia". E é que para cumprir a vontade do seu marido (un dos promotores da institución museística pontevedresa), Pereira chegou a enfrontarse incluso ás irmás deste para cumprir os seus desexos.

Comentarios