sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Mosquera abre a porta a reducir o ámbito de reforma subterránea dos edificios do Museo

undefined
Vista dos pazos de Castro Monteagudo e García López. DAVID FREIRE
O edil do BNG ratifica a súa vontade de executar os traballos a pesar das críticas veciñais. O proxecto deberá pasar o filtro de Patrimonio

A reforma dos edificios históricos do Museo Provincial poderían sufrir retoques. O edil de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, abriu este martes a porta a que a obra para conectar de forma subterránea os edificios Fernández López, Castro Monteagudo e García Flórez teña un impacto menor ao previsto. "Verase se as obras afectan a todo o ámbito ou se este se reduce", dixo o concelleiro sobre o proxecto, que aspira a conectar as tres sedes a través dun gran soto a dous niveis.

A actuación, que implicaría gañar 1.900 metros cadrados máis baixo terra para corrixir os problemas de accesibilidade e seguridade do complexo museístico, afectaría á Praza da Leña e cinco rúas máis: Pasantería, Padre Sarmiento, Juan Novás Guillán, Laranxo e Padre Luís María Fernández.

A restauración, que nace dun acordo entre a Deputación (titular dos edificios) e o Concello (do que dependen as vías públicas), acaba de superar un importante trámite. A Xunta remitiu este martes o informe que exime a Pontevedra do proceso de avaliación ambiental estratéxica para modificar o Peprica, un trámite fundamental para rebaixar as medidas do plan que protexe o centro histórico da cidade para poder executar as obras do Museo. "É un paso decisivo", dixo Mosquera.

O documento incorpora as consultas previas a tres organismos autonómicos. Entre eles o da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que reclama que os muros das edificacións se manteñan e que non se fagan obras de nova planta e se respecte, xa que logo, a fisionomía do actual complexo. Estas observacións serán precisadas agora polo Concello como paso previo a aprobar de forma inicial os cambios no Peprica no Pleno municipal antes do verán.

A Xunta exime o Concello da avaliación ambiental para modificar o Peprica, un trámite fundamental para sacar adiante as obras

O seguinte paso será a elaboración do proxecto construtivo, que deberá definir as características da obra. Este documento deberá pasar por distintos informes sectoriais, de distintas Administracións. Entre eles, o de Patrimonio da Xunta, que será clave porque é o organismo encargado de protexer bens como o edificio de Fernández López e os pazos Castro Monteagudo e García Flórez.

A preguntas dos xornalistas, o vicepresidente provincial ratificou a súa vontade de executar os traballos malia o rexeitamento dun grupo de veciños do barrio, que reuniu máis de 700 firmas en contra do plan. "Temos dous edificios, que son os orixinais do Museo (Castro Monteagudo e García Flórez), que están en ruínas e pechados ao público. E cando se atopa unha solución para eles, de súpeto, hai xente que lexitimamente di que non lle gusta. A nosa responsabilidade é que os edificios non se caian", recalcou.

Mosquera sinalou, por outra banda e tamén en resposta á prensa, que a modificación do Peprica permitirá flexibilizar as condicións para facer reformas noutras zonas da zona vella de Pontevedra. Aínda que se manterán os graos de protección, os requisitos para levar a cabo obras na zona monumental serán menos restritivos.

Mosquera abre a porta a reducir o ámbito de reforma subterránea dos...
comentarios
ç