A mostra 'Origami, de papel a obra de arte', pecha as exposicións do Museo deste ano

A proposta expón 150 modelos feitos con papel pregado por 50 autoras e autores de 17 países diferentes escollidos entre os fondos da Escola Museo de Origami de Zaragoza
unha nena contempla o león de papel da exposición. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha nena contempla o león de papel da exposición. GONZALO GARCÍA

O éxito da exposición Origami, de papel a obra de arte "está asegurado de antemán" e "converterase nunha interesante opción para pechar o ano e comezar o 2022" no Museo de Pontevedra "sen deixar a ninguén indiferente". Así o manifestou este xoves  o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rei, no acto de apertura ao público da colección chegada da Escola Museo de Origami de Zaragoza (EMOZ) facendo unha chamada para visitar a mostra dende este venres ata o 23 de xaneiro.

A exposición chega á Boa Vila para propoñer aos seus visitantes un percorrido pola historia do pregado do papel a través da obra orixinal dalgúns das mellores persoas creadoras a nivel mundial. As pezas seleccionadas van máis alá das pequenas paxariñas ou barquiños de papel: "Van moito máis aló. Son auténticas esculturas cheas de complexidade e expresividade, que provocarán o asombro das persoas que as contemplen, se temos en conta ademais que foron realizadas cun só papel, sen ningún tipo de cortes e unións e sen pegamentos", manifestou Rei.

Deste xeito, na sala de exposición poderán contemplarse 150 modelos feitos por 50 autoras e autores de 17 países diferentes que amosan distintas técnicas para crear dende obras moi sinxelas a verdadeiras obras de arte e enxeños de papel de carácter hiperrealista, escultórico ou xeométrico. A mostra estará dividida en varias zonas, unha primeira de Introdución e outras denominadas Origami elemental, Origami esencial, Origami orgánico, Origami hiperrealista, Origami escultórico, Origami xeométrico, Origami teselado e finalmente Non origami ou metaorigami.

"Son auténticas esculturas cheas de complexidade, que provocarán o asombro das persoas que as contemplen"

O director da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), Jorge Pardo, asegurou que a mostra no Museo de Pontevedra é a máis importante das que a entidade zaragozana leva feitas en todo o Estado tanto pola cantidade de pezas amosadas como pola súa calidade. Explicou que por cuestións de mantemento todas as obras que son expostas deben pasar despois un ano retiradas da vista ao público para garantir a súa estabilidade polo que subliñou a excepcionalidade do evento.

MÁIS AFECCIÓN. Pardo explicou ademais que a EMOZ naceu hai oito anos despois de que no 1944 se crease naquela cidade o Grupo Zaragozano de Papiroflexia, o primeiro grupo de persoas que se reúnen arredor do pregado do papel no mundo e que aínda segue activo.

O director da EMOZ manifestou a súa esperanza de que a mostra de Pontevedra, que xurde da selección de máis de 5.000 pezas que hai en Zaragoza, guste ao público para que este "se enganche" ao origami, incluso creando un grupo propio en Pontevedra, e tamén así se potencien as visitas á cidade maña.

Obradoiros completos
Para completar a exposición arredor do Origami, o Museo de Pontevedra organizou unha serie de obradoiros de papiroflexia para público de 5 a 90 anos que se esgotaron en apenas un día dende o anuncio da súa realización. Debido ao grande éxito, a organización está a traballar para habilitar novas datas para que poidan ser realizados e gozados por máis persoas.

Os días nos que vai haber obradoiro (e para os que hai unha longa lista de agarda) serán os sábados 6 e 20 de novembro, e o 11 de decembro, mentres que no Nadal haberá sesións os días 28, 29 e 30 de decembro. Segundo anunciou a Deputación, as novas datas anunciaranse tan pronto sexa posible.

Comentarios