
Os escolares de Mourente móllanse e pasan frío mentres esperan ao autobús que lles leva aos seus centros educativos. A marquesiña na que se resgardaban (situada no acceso desde a estrada de Ourense ao lugar de Casas Novas) desapareceu hai seis meses, cando un vehículo a levou por diante. Desde entón, os estudantes non teñen un lugar no que refuxiarse das xélidas temperaturas nin das choivas propias desta época do ano.
A asociación de veciños O Castro considera "urxente" a reposición da cuberta, xa que tras o accidente só quedaron en pé os seus dous soportes metálicos.
O presidente da entidade parroquial, Santiago Laya, insta as administracións competentes (Goberno central e Concello) a chegar a un acordo para a restitución da marquesiña. "Efectuei diferentes xestións pero a Administración municipal dime que debo dirixirme ao Ministerio de Fomento e este non me dá unha resposta. Teñen que deixar de pasarse a pelota", subliña Santiago Laya.