Multan a un bar con licenza para 9 mesas que instalou 25

A Policía Local de Pontevedra interpuxo dúas propostas de sanción ao dono do local, pois non rectificou tras unha primeira denuncia. Outro establecemento foi sancionado por montar veladores sen ter licenza
undefined
photo_camera Policías locais e nacionais velan para que se cumpra a norma. RAFA FARIÑA

Aínda que o nivel de cumprimento ás diferentes medidas e restricións impostas polas administracións coa escusa da pandemia é moi alto en Pontevedra, cada semana coñécense casos que se converten na excepción que fai que se cumpra a regra. Isto é o que sucedeu na rúa Pai Sobreira, onde, tras unha inspección realizada pola Policía Municipal, sóubose que un establecemento de hostalería con licenza para instalar nove mesas no exterior do local montara 25, saltándose non só as indicacións anticovid, senón a propia normativa á que deben acollerse todos os empresarios do sector no concello.

Así o indicou este luns a concelleira nacionalista Anabel Gulías, quen subliñou que os axentes da Xefatura acudiron ao citado local en dúas ocasións. A primeira, que carrexou unha proposta de sanción, serviu aos funcionarios municipais para comprobar os seus permisos, constatando que triplicaba o límite para o que está autorizado.

Unhas horas despois desta primeira inspección, un grupo de axentes volveu pasar polo mesmo enclave da rúa Pai Sobreira, e a súa sorpresa foi maiúscula, pois o mesmo local mantiña máis mesas das permitidas, o que carrexou unha nova denuncia.

Seguindo cos incumprimentos relacionados coa normativa de veladores, moi concorridos polo bo tempo reinante, os axentes da Policía Local detectaron outro flagrante infractor. Ocorreu na rúa Isabel II, onde un hostaleiro decidiu sacar mesas ao exterior a pesar de non ter licenza algunha.

OUTROS SUPOSTOS. Por outra banda, e sempre tomando como referencia a semana pasada (entre o luns 26 de abril e o domingo 2 de maio), a Policía Local trasladou un total de 17 propostas de sanción, das cales oito se tramitaron entre o luns e o xoves e os nove restantes entre o venres e o domingo (incluíndo as xa citadas).

En canto á hostalería destacou unha sanción a un bar de Xeve que incumpría o horario de peche das 21 horas. Polo demais, seis persoas foron multadas por saltarse o toque de queda, outras seis por non levar a máscara e unha máis por desobedecer ás indicacións dos axentes.