O Museo celebrará o Día do Medio Ambiente cun espectáculo de clowns para nenos

A función terá lugar este sábado no salón de actos do Museo de Pontevedra e correrá a cargo de Josito Porto e Víctor Maquieira
Víctor Maquieira e Josito Porto. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Víctor Maquieira e Josito Porto. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Internacional do Medio Ambiente cun espectáculo de clowns destinado ás crianzas de 4 a 12 anos que tratará sobre a reciclaxe e a conciencia ecolóxica. A peza titúlase Cartoons e correrá a cargo de Josito Porto e Víctor Maquieira, que abordarán "a arte poética de converter os refugallos en bens de uso" e falarán das tres famosas R do ecoloxismo: reducir, reutilizar e reciclar.

A actuación terá lugar o sábado ás 12.00 horas no salón de actos do Museo, con entrada libre ata completar cabida. A historia a representar conta a vida de "dous tipos abandonados nas marxes, o que se chama vulgarmente náufragos, robinsones, persoas que perderon pé e teñen que aprender a facelo todo de novo, dende a cunca na que beber até o esmoquin que necesitan para acudir a unha gala. Perderon todo e teñen que inventalo todo de novo: poden ser marxinais que viven na marxe da nosa sociedade e converten en luxo o noso lixo", indicaron os autores.

VALORES. Segundo explicou a organización da actividade, a intención é que as escenas descritas estimulen no auditorio infantil o impulso lúdico, a capacidade mimética, a plasticidade imaxinativa e a creatividade orientada.

Tamén é un espectáculo vehículo de valores, como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia.

Comentarios