O Museo Pontevedra amplía a súa colección con obras sobre a Guerra Civil e o exilio

Estrea unha nova sección con 14 pezas de artistas coetáneos de Casteleo
Museo de Pontevedra. ARCHIVO
photo_camera Museo de Pontevedra. ARQUIVO

Catorce pezas de artistas coetáneos de Castelao integran a nova sección que acaba de estrear o Museo de Pontevedra, todas elas obras referentes á Guerra Civil e ao exilio en Galicia que só se mostraron en exposicións temporais.

Con esta sección, o Museo pretende mostrar unha visión máis global do impacto que a guerra e o réxime franquista tivo na produción de creadores galegos exiliados en América, truncando a súa traxectoria vital e evolución artística.

Os seus protagonistas son artistas ligados ideológicamente ao galeguismo, ao nacionalismo e á República cunha vivencia moi semellante á de Castelao, como Camilo Díaz, Federico Rivas, Arturo Souto e Uxío Souto, que foron asasinados, forzados a un longo exilio e impedidos de regresar ou obrigados a un asfixiante e represivo exilio interior.

A partir desta nova montaxe permanente, o Museo fará un percorrido temático relacionando as obras co Álbum de Guerra de Castelao, xa exposto desde 1981.

Tamén se vinculará con outras pezas de artistas que estiveron no exilio interior —como Maside ou Torres—, doutros exiliados da pintura española ou artistas que non sendo exiliados si se marcharon fóra e tiveron relación con estes. 

Seis das obras son augadas do ilustrador vigués Federico Rivas, que mostran a represión na zona de Bueu, mentres que de Uxío Souto, ademais dalgunhas esculturas, estarán expostas dúas augadas sobre a fuxida das persoas vencidas polos Pireneos e os republicanos confinados no campo de refuxiados francés de Barcarés. 

De Arturo Souto exporase un álbum de debuxos de guerra no que, entre outras obras, hai unha acuarela que foi exhibida na Exposición Internacional deas Arts et Técniques de 1937 en París co Guernica de Picasso e despois en Bruxelas.

Comentarios