O Museo de Pontevedra devolverá ao estado polaco dous cadros espoliados polos nazis

O díptico relixioso, que será exposto en xaneiro a modo de despedida, foi adquirido en 1944 dentro da colección Fernández López
O díptico da Dolorosa e o Cristo. DP
photo_camera A Dolorosa e o Ecce Homo, atribuídos ao pintor holandés Dieric Bouts, que se devolverán ao Estado polaco. DAVID FREIRE

Unha Dolorosa e un Ecce Homo de mediados do século XV, que eran propiedade do Museo de Pontevedra, serán devoltos ao Estado polaco tras confirmarse que se trata de dúas pezas espoliadas polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Comunicárono este venres o director do Museo, Xosé Manuel Rey, e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera. "É unha reparación histórica que facemos con sumo gusto", dixo o último. A espera de recibir nos próximos días o informe definitivo sobre a orixe das pezas, a institución museística xa anunciou que, antes de proceder á súa devolución, realizará, no mes de xaneiro, unha exposición pública para que os pontevedreses poidan despedir o díptico.Xosé Manuel Rey e César Mosquera no Museo. DAVID FREIRE

Foi no mes de marzo, durante o confinamento pola pandemia, cando Mariusz Wisniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural de Polonia, se puxo en contacto co Museo para informar da posible procedencia das obras. El mesmo indicoulle á institución que todo parecía indicar que se trataba dun díptico da colección da princesa Czartoryski (cuxos descendentes emparenterían cos Borbóns e se afincarían en España), saqueada polo exército nazi. As pinturas terían saído de Varsovia en 1944 e reaparecido no mundiño do comercio de arte en España en 1973. Aí se faría con elas José Fernández López, que acabou depositando a súa colección no Museo.

En 1944, a institución adqueriría finalmente, por 600 millóns de pesetas, toda a colección de Fernández López, integrada por 313 obras. Atendendo a ese dato, o director do Museo fixo este venres unha aproximación ao que podía ser o valor económico actual dos cadros flamencos: 23.000 euros cada un.

As pezas pasaron a formar parte da exposición permanente nos denominados edificios centrais (Praza da Leña). Tras ser pechados ao público en 2014 á espera de rehabilitación, os cadros pasaron a gardarse entre os fondos non expostos. Ata que este ano o estado polaco se interesou por eles.

"Dende o primeiro momento, a nosa preocupación foi que o Ministerio de Cultura de Polonia nos recoñecese como adquirintes de boa fe, e obrar de acordo coa normativa internacional e co código deontolóxico do Consello Internacional de Museos", sinalou Rey.

SEN LITIXIO. De acordo coa legalidade internacional, o Museo simplemente devolverá as obras. O director recoñeceu que podería iniciarse un litixio pola súa propiedade, pero non vai ser o caso. "É unha oportunidade para converter o que podería ser un problema nun éxito de colaboración entre institucións", indicou Rey, que tamén insistiu na oportunidade que a exposición das obras brindará para facer pedagoxía histórica, en concreto, "sobre a destrución e espolio do patrimonio artístico durante os conflitos". 

"Desde o momento no que tivemos coñecemento da delicada circunstancia que rodeaba os cadros tratamos de confirmar a súa trazabilidade", sinalou o director do Museo, que explicou que, co fin de dispor dunha peritaxe especializada, se contactara coa especialista en pintura flamenca e actual directora do Instituto Moll (centro de investigación de pintura flamenca radicado en Madrid), Ana María Diéguez. A especialista, na que recae a elaboración dun informe final sobre as pezas, adiantoulle ao Museo que efectivamente se trataba das obras que Polonia reclamaba. A partir de aí, a institución tamén se puxo en contacto co Ministerio de Cultura para informalo da próxima devolución a Polonia.

Comentarios