A música clásica chega a vindeira semana ao Paseo do Gafos

A pianista Aida Saco dará o pistoletazo de salida este luns ás Clásicas no Gafos, que se prolongarán ate o xoves 29
O ciclo de Clásicas no Gafos na súa edición pasada. RAFA FARIÑA
photo_camera O ciclo de Clásicas no Gafos na súa edición pasada. RAFA FARIÑA

A Boa Vila acolle a partir deste luns o ciclo Clásicas no Gafos, incluído dentro do programa O Son da Rúa da Axenda de Verán’ 21 organizada polo o Concello de Pontevedra.

Concretamente será o Paseo do Gafos o que convirta en principal protagonista ás melodías de estilo clásico. O ciclo está composto por catro xornadas consecutivas, que supoñen propostas de diversa execución. Haberá unha actuación por día, fixada ás 21.00 horas.

A primeira actuación do ciclo correrá a cargo da rianxeira Aida Saco. Consolidada pianista, concertista e compositora, Aida Saco chega a Pontevedra para ofrecer ó público algúns dos temas dos seus álbumes Metaformoses e Ronseis do tempo. Aida vén de gañar o pasado mes de abril o primeiro premio, categoría F, no European Piano Competition Salentinae Terrae e o premio especial do xurado. Este recoñecemento súmase ó segundo premio no X Concurso Internacional Città di Massa e o terceiro galardón no XII Prémio Nacional/II Premio Luso/Galaico Elisa de Sousa Pedroso.

Os seguintes en encher de notas clásicas á Boa Vila serán Germán Díaz e Benxamín Otero o martes 27. Este dúo propón unha escolma de cancións co simple fío argumental de "ser bonitas para as súas orellas". En estas 13 Cancións Bonitas aparecen compositores como Schubert, Satie, Galliano, Clastier, Inzenga ou Federico Olmeda, pero tamén temas propios que orixinan un corpus ecléctico e accidental.

O mércores 28 será o Concerto das Donas o conxunto instrumental encargado de harmonizar o ambiente do Paseo de Gafos. Grupo de nova creación, liderado pola violinista María José Pámpano, toman o nome do Concerto delle donne, grupo de intérpretes femininas activo a finais do século XVI na cidade italiana de Ferrara e destacadas polo seu virtuosismo técnico e artísitico, traballando baixo as ordes do duque de Ferrara. Cunha proposta singular que ten por obxectivo visiblizar a pegada feminina na historia da música, Concerto das Donas afonda na obra instrumental de compositoras como Isabella Leonarda ou Élisabeth Jacquet de La Guerre.

O colofón final ás Clásicas no Gafos virá das mans de Pedro Lamas, Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero. Este trío ofrecerá en vivo o seu primeiro título discográfico, Azougue, no que non faltan unha ampla variedade de instrumentos como o saxofón, a dulzaina, o acordeón, a gaita, percusións tradicionais ou o imprescindible piano da man de Jacobo de Miguel.

Comentarios