Javier Lago: "A música é un salvavidas, puiden aportar o meu gran de area"

O cantante e compositor Javier Lago pecha domingo á noite, na Praza de España, o ciclo Sondeaquí cun concerto acústico
2020072612040435173
photo_camera Javier Lago, sábado, en Pontevedra. DAVID FREIRE

Di Javier Lago (Vigo, 1996) que sente que a música o chama. "Dende que era pequeno. Puiden terme afastado nalgún momento, pero sempre acabei volvendo. Porque a música é un salvavidas. Para min é como unha chamada". O cantante e compositor afincado en Pontevedra é o encargado de pechar domingo á noite (22.00 horas, entrada de balde), na Praza de España, o ciclo Sondeaquí, que o Concello incluíu este ano na súa programación de verán e que estivo protagonizado por bandas e músicos da escena local. Farao cun concerto en formato acústico no que interpretará algúns dos seus temas.

"Vou estar completamente só con dúas guitarras e un teclado. Será un concerto puramente acústico, moi íntimo", di ao tempo que recoñece a ilusión que lle fai subir ao escenario da Praza de España. "É o escenario das festas, o que todos asociamos aos grandes concertos. Vai ser moi especial. Evidentemente sei que o meu é un concerto pequeno que non ten nada que ver con esas actuacións estelares, nin nunha milésima parte, pero non deixa de ser moi emocionante estar aí, na miña cidade e ante a xente que quero. A maiores, nestas circunstancias, nas que resulta tan intenso poder tocar, despois de tanto tempo sen poder facelo".

A Javier Lago gustoulle esta iniciativa do Concello de Pontevedra que aproveitou o primeiro verán pos-covid para desenvolver unha programación de espectáculos de pequeno formato protagonizados en grande medida por artistas locais. "Era o ano perfecto para facer algo así. Paréceme fantástico. Como tamén mo parecería que se mantivese en próximas edicións. Ciclos coma este axudan a dar a coñecer a grupos locais que moitas veces non teñen moitas oportunidades de tocar. Sería moi bonito que isto tivese continuidade".

Chegou un momento no que me decatei de que o que máis me alimenta é a música. Non podo darlle as costas

Licenciado en Comunicación Adiovisual, Javier Lago formou parte de agrupacións como Australia para acabar desenvolvendo unha carreira en solitario. "Chegou un momento no que me decatei de que o que máis me alimentaba era a música. Teño que probarme nisto, ver ata onde podo chegar. Non quero estar arrepentíndome dentro de 20 anos de non terlle dado unha oportunidade á música. Agora é o momento de facelo. Non podo darlle as costas".

O músico recoñece que ao longo dos últimos anos houbo unha evolución no seu traballo marcada, entre outras cousas, polo inicio da carreira en solitario e polo paso do inglés ao castelán. "Si, eu diría que agora mesmo interpreto cancións máis espidas, que gañaron en presenza vocal. Quizais se poida dicir que me aproximei ao que se entende por canción de autor". Sobre o cambio de idioma, Javier Lago explica que ten moito que ver coa ampliación das súas referencias. "En Australia saíanme os temas en inglés de xeito natural non sei se por un tema melódico ou directamente polas influencias que tiñamos de artistas como Elton John, Carole King... Obviamente esas referencias seguen estando aí, pero agora que estou só aparecen outras que forman parte da miña vida, do que escoitei sempre na casa, como os os boleros ou cantautores como Serrat".

Durante o confinamento, Lago foi un dos músicos pontevedreses que tivo unha maior presenza nas redes sociais. Entre outras cousas, ofreceu varios concertos on-line. A decisión de facelo, segundo di, ten moito que ver con ese concepto da música como salvavidas. "Resultou moi emocionante, naquel momento no que todo o mundo tivo que quedar na casa, que saísen á luz toda esa serie de cantantes e artistas que se esforzaron por contribuír dalgunha maneira ao que estaba pasando de xeito totalmente altruísta, sen recibir nada a cambio", conta. "Tratábase de achegar un gran de area dende un oficio que non se considera esencial. Non somos sanitarios, non somos policías, non somos traballadores de supermercado. Pero para a xente que tiña que estar na casa si que foi esencial contar coa cultura. Para min tamén era esencial poder expresarme, poder cantar para os demais, aínda que fora pouquiña xente a que me escoitara. Lembro un momento no que me decatei de que os meus avós de Vigo e a miña avoa de Madrid me estaban vendo á par. Nunca antes pasara! Aquelas propostas foron unha maneira de sacar algo bonito daquela situación de caos e medo que todos vivimos".