Nace 'Namórate de ti', un programa para fomentar o empoderamento feminino a través da fotografía

O Concello de Pontevedra organiza o proxecto, que conta coa colaboración de Tegra Gómez e Patricia Maquieira
Yoya Blanco, durante a presentación do programa Namórate de ti. PSOE
photo_camera A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, durante a presentación do programa. PSOE

O Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), lanzou o programa Namórate de ti, co que pretende "fomentar a autoestima e o empoderamento feminino empregando a imaxe e a fotografía como ferramenta". 

Cartel do programa Namórate de tiNamórate de ti está dirixido, principalmente, a mulleres desempregadas "que necesitan volver confiar en si mesmas", vítimas de violencia de xénero ou mulleres en perigo de exclusión social. 

O proxecto conta coa colaboración da animadora sociocultural Tegra Gómez e da fotógrafa e creativa Patricia Maquieira e abarca un taller gratuíto e unha exposición fotográfica nos escaparates das tendas da cidade. 

Haberá sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar o empoderamento e a autoestima, nas que guiarán a estas mulleres para que aprendan a autoxestionar o control da tensión mediante a expresión corporal, verbal e a escritura. Os talleres incluirán dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres. 

Estes talleres terán lugar na Casa Azul os días 3, 5, 9 e 11 de novembro en horario de 10,00 a 13,00 horas. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse no teléfono 986 86 48 25 ou na dirección de correo electrónico [email protected]. O curso ten un límite de oito prazas.

Comentarios