O pontevedrés que investiga como afecta a xenética ao contaxio e desenvolvemento de covid

Fundador de 24 Genetics, busca as mutacións xenéticas que fan que a enfermidade se complique 
Nacho Esteban. DP
photo_camera Nacho Esteban. DP

Unha empresa con raíces en Pontevedra coouse na cima da investigación sobre como afecta a xenética á hora de contaxiarse de covid ou desenvolver complicacións. Unha liña que, entre outras cousas, permitiría explicar por que algunhas persoas superan a enfermidade sen apenas despeitearse e en cambio outras sofren para gañar o pulso ao coronavirus, con mellor ou peor sorte.

A firma responde o nome de 24 Genetics e foi fundada en 2017 por Nacho Esteban, nacido en Pontevedra fai 48 anos e agora asentado en Madrid, onde está situada a sede central da empresa. O seu primeiro nicho de negocio foron os test xenéticos de saúde e benestar, que seguen sendo o produto estrela da sociedade, pero a irrupción da pandemia provocou un xiro de temón que promete dar importantes froitos.

A empresa adheriuse ao consorcio COVID-19 HGI, un equipo internacional de genetistas que pretenden identificar a variación xenética que inflúe na resposta á enfermidade. Para levar a cabo o traballo de campo a sociedade asinou un acordo de colaboración co Instituto Universitario da Paz.

NOVAS DIANAS. Por unha banda 24 Genetics ha secuenciado o xenoma duns 300 pacientes do hospital madrileño e subiu os resultados á plataforma que comparte co resto de xenetistas do consorcio internacional. Todo "en código aberto" e sen ánimo de lucro.

A previsión é que "en cuestión de poucas semanas" poidan perfilarse as primeiras conclusións e, se todo vai ben, empezar a esbozar novas dianas terapéuticas. "Non só para crear novos fármacos, senón tamén para usar tratamentos existentes. As ramificacións dos achados poden ser varias", indica Esteban.

As primeiras hipóteses apuntan a que hai mutacións nun par de cromosomas que poden ter "relevancia á hora de sufrir complicacións de covid". Se estas suposicións se confirman, a loita contra a covid daría un paso de xigante. "Só o simple feito de que chegue un paciente ao hospital e poidas saber o seu nivel de risco de sufrir problemas graves xa é moitísimo. Nós somos a nosa xenética e as cousas que nos pasaron na vida e, se somos capaces de ver a relación entre a xenética e este virus, xa significa derrubar unha torre moi grande". 

O feito de que chegue un paciente ao hospital e poidas saber o seu nivel de risco xa é moitísimo

De forma simultánea o equipo de intelixencia artificial de 24 Genetics xerou un algoritmo que, combinando a información clínica coa xenética, "é capaz de predicir como vai evolucionar o paciente". Polo momento "as simulacións están acertando nun 97%", pero a empresa quere contrastar a súa eficacia e pediu á Universidade de Harvard que lle traslade os datos dos seus pacientes para ver se a fórmula (tamén en código aberto) atina.

Doutra banda, 24 Genetics asinou un acordo de colaboración coa Universidade de Europa para estudar os chamados súper inmunes, é dicir, as características dos perfís xenéticos que, aínda estando en escenarios de alto risco, non foron contaxiados. Para iso iniciou un cuestionario entre os "miles de clientes" que ten distribuídos por máis "de cen países" para intentar localizar a persoas cun "nivel de resistencia máis alta que o resto". O obxectivo é pescudar se estas teñen un "material xenético" determinado, algo que "quizais tamén poida dar lugar a dianas terapéuticas". 

"PARECÍA MATRIX". Ata hai pouco o propio Esteban cría que podía formar parte da poboación que é obxecto de estudo, xa que logrou esquivar o virus en dúas ocasións, primeiro cando se viron infectados a súa muller e o seu fillo, e meses máis tarde cando se contaxiou a súa filla pequena. Esteban estaba convencido de que era súper inmune, ata que hai uns días terminou caendo nas redes da covid ao intentar achegar ao hospital a madrileños que se viron confinados pola neve da borrasca Filomena.

Nacho, co apoio loxístico da súa familia, estivo varios días levando a xente ao hospital no seu todoterreo, nun operativo digno de película no que participaban algo máis de 150 cidadáns con vehículos 4x4. O xefe do seu grupo empezou sendo un piloto que coordinaba as recollidas e entregas desde Marbella, pero se perdía tempo, así que a muller de Esteban terminou plantándose diante do computador e dándolle indicacións por teléfono para facer a ruta máis efectiva. "Aquilo parecía Matrix". 

O último ao que asistiu foi un mozo de 40 anos que rompeu a cadeira ás 9 da mañá e que recolleu axiña que puido, "ás tres da tarde". "Os seus berros de dor eran dramáticos", recorda.

Esteban só se detivo cando a covid empezou a dar sinais. Entón parou e comprobou que se contaxiou dunha enfermidade "moi complexa". 

(O reto é) que o médico do centro de saúde máis humilde poida adoptar a decisión máis intelixente

TRAXECTORIA. Esteban criouse na Caeira e aos cinco anos trasladouse coa súa familia a Lugo, onde permanecería 12 anos. Estudou Empresariais, con etapas de formación en distintos países, e traballou en empresas como IBM, Lenovo, Samsung ou Alcaltel. 

A enfermidade da súa nai foi un dos detonantes que lle animou a emprender. En 2016, estando en Sanxenxo, diagnosticáronlle un cancro de mama que fixo que penetrase "un pouco máis no campo da xenética", co que xa coqueteaba por aquel entón. Desgraciadamente, os seus achados non chegaron a tempo, pero está convencido de que se aquel incidente sucede hoxe probablemente "non fose capaz de previr a enfermidade", pero si de mellorar a terapia famarcolóxica, "que foi desastrosa". 

A empresa é a única do seu sector que ofrece a posibilidade de sete informes xenéticos diferentes cun só test. Este permite saber os devanceiros do solicitante (ata 700 anos atrás de media), e as fortalezas e debilidades a nivel saúde, farmacoloxía, nutrición, coidado da pel, deporte, talento e personalidade. O básico está dispoñible a partir dos 149 euros e a completo rolda os 400.

O fito empresarial máis recente é que abriu unha rolda de financiamento para recadar 1,1 millóns de euros dos que case recompilou o 90%. A campaña, que segue aberta, permitirá á firma "pasar á seguinte liga". 24 Genetics desembarcará en Boston, a capital mundial da xenética, cun único propósito: "Que o médico do centro de saúde máis humilde poida adoptar en dez minutos a decisión máis intelixente e que en Portonovo poidan ofrecer o mesmo diagnóstico que no centro máis especializado". 

Comentarios