De nazis e 'fake news' en Internet

Analizar os totalitarismos do pasado para entender os discursos autoritarios do presente é o obxectivo do congreso internacional sobre ditaduras que acolle a facultade pontevedresa, coa participación de especialistas de España, Portugal, Italia e Brasil
Alejandro Pizarroso, Xosé Baamonde, Pablo Sapag e Marcos Guterman no congreso en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Alejandro Pizarroso, Xosé Baamonde, Pablo Sapag e Marcos Guterman no congreso en Pontevedra. DAVID FREIRE

Comunicación social e opinión pública nas ditaduras: narrativas, idearios e representacións é o título do congreso que se celebra estes días na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra cuxo obxectivo é "subliñar a importancia da comunicación nos contextos ditatoriais e autoritarios, realizada por gobernos e movementos de todo tipo co propósito de tentar conquistar o poder ou conservalo", segundo explicou o profesor Alberto Pena, presidente do comité organizador, en declaracións ao Duvi. 

O campus acolle ata este xoves a especialistas procedentes de universidades españolas, portuguesas, italianas e brasileiras. "Estamos vivindo unha época de auxe do autoritarismo", engadiu o decano, Xosé Baamonde, quen incidiu na importancia de que "sexamos coñecedores destas estratexias de comunicación". A inauguración contou tamén coa intervención do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, quen reivindicou o papel da universidade como "una factoría de soluciones", nun mundo caracterizado "por la propensión a la posverdad y en el que la mentira vence porque está diseñada para tener máis éxito". 

Na primeira das sete sesións o investigador da Facultade Cásper Líbero de Sao Paulo Marcos Guterman puxo en relación a "narrativa para as masas" do nazismo coa actual "diseminación de informacións falsas polas redes sociais". Guterman lembrou que a propaganda da Alemaña nazi "foi a primeira en percibir que canto maior sexa o alcance que quero que a miña mensaxe teña, máis simple e máis directa ten que ser", e que esta debe apelar ás emocións da poboación, aínda que isto implique "unha reinvención do real".

No contexto actual, Guterman observa unha estratexia similar na difusión de mensaxes a través de redes sociais que buscan igualmente apelar ás emocións dunha comunidade, facer que "se sintan ligadas por pertencer a unha mesma realidade, aínda que esta non sexa real". Deste xeito, xéranse nas redes comunidades nas que "todo o que ameace a lóxica proposta pola mensaxe sexa rexeitado", explicou Guterman, quen denunciou que "grupos políticos, á esquerda e á dereita, están utilizando as redes sociais para simplificar o mundo". 

Antes llevaban camisas negras, pardas o azules y ahora van con corbata, pero el discurso (de la ultraderecha) es el mismo

DA LIGA NORTE A VOX. "Antes llevaban camisas negras, pardas o azules y ahora van con corbata, pero el discurso es el mismo", salientou na sesión sobre narrativas autoritarias o catedrático da Universidad Complutense de Madrid Alejandro Pizarroso, quen sumou ao debate unha análise da "propaganda de ultraderecha" que compara as ditaduras do período de entreguerras co momento actual. Pizarroso Quintero, que foi decano comisario de CCSS e da Comunicación no curso previo á súa posta en funcionamento, incidiu en que partidos como Vox, a Liga Norte italiana ou a Fronte Nacional francesa baséanse nun "discurso identitario, con la identificación con una tierra que es elevada a la categoría de dios"; un discurso que, engadiu, "penetra muy facilmente", xa que "apela a tu identidad, a aquello que viste en el espejo desde pequeño" e que os partidos tradicionais "son incapaces de contrarrestar". 

Xunto a Guterman e Pizarroso, esta mesa contou coa participación do tamén profesor Complutense Pablo Sapag, quen se centrou no labor propagandístico da ditadura de Pinochet en Chile. "La idea central es que si bien la dictadura militar resultó derrotada en su imagen internacional, desde el punto de vista de la imposición de su modelo económico, social y político, resultó victoriosa". 

Sapag explicou que a ditadura chilena "fracasó claramente en la proyección de su propaganda exterior porque hubo dos imágenes que la hundieron" o propio día do golpe de estado: o ataque aéreo do Palacio da Moeda e a morte do presidente Salvador Allende. Pola contra, "la propaganda de integración" si contribuíu internamente ao establecemento no país dun "modelo neoliberal" que, salienta, "sí triunfó", como amosa o feito de que o país "sigue regido hoy por la constitución que se aprobó en plena dictadura, en 1980". 

O congreso abriuse cunha conferencia do catedrático Alberto de Bernardi sobre como a Italia fascista fixo uso da propaganda para converter unha dieta baseada na escaseza nun modelo de "dieta austera" vinculada ao progreso do país.

Comentarios