O negocio das autoescolas vive grazas aos universitarios

Moitos mozos entre 18 e 20 anos aproveitan o verán para conseguir o seu permiso de conducir ► Este é o target ao que se dirixen as autoescolas de Pontevedra, que nestes meses dobran as súas matriculacións, chegando a facturar o 75% dos seus ingresos anuais

Alumnos en clase, en la Autoescuela Chave, este jueves. DAVID FREIRE
photo_camera Alumnos en clase, na Autoescuela Chave, este xoves. DAVID FREIRE

Os meses de verán son esenciais para a supervivencia das autoescolas. Coa tempada alta chegan os meses de máis actividade no sector, "os meses de traballo real", en palabras de Nuria, empregada de Autoescuela Galicia, en Pontevedra. Responsables de distintas academias coinciden no perfil do alumno destes centros no verán. "Sobre todo é xente que acaba de terminar o selectivo e está de vacacións", declara Carmen, de Autoescuela Peregrina, "rapaces entre 18 e 20 anos, sen distinción de xénero". Tamén coincide cos seus competidores en que, na liña de todos os anos, houbo un repunte no número de matriculacións durante a segunda quincena de xuño, coincidindo co final da proba Abau, o exame de acceso á universidade. "Pasa todos os anos. No verán chegamos a dobrar o número de estudantes respecto dos meses de inverno, ou incluso máis", declara.

INFRACCIÓNS. É por esa homoxeneización do alumnado que as faltas, en liñas xerais, fanse extensibles a todas as autoescolas da cidade. "As infraccións sempre son novatadas", describe o director de Autoescuela Chaves, "o mítico 'dáme tempo' co que se incorporan nas glorietas, nas autoestradas... apuran demasiado, e o vehículo é unha ferramenta moi perigosa". O responsable desta escola de condución explica que, a pesar de todo, os seus alumnos de 20 anos son "aparentemente moi prudentes" e destaca a alta asistencia dos mozos matriculados ás charlas de concienciación sobre o efecto das drogas e o alcol ao volante que o Concello ofrece polas autoescolas.

Gloria Couto, de Autoescuela Teucro, secúndalle: "Os mozos teñen présa nas incorporacións, nas glorietas...funcionan a base de dáme tempo' ...ao final, non dá tempo", chancea. Ademais, sinala a importancia de concienciar, nestas datas, da presenza de peregrinos e ciclistas nas vías pontevedresas.

Pasa todos os anos. No verán chegamos a dobrar o número de estudantes respecto dos meses de inverno

Un dos grandes problemas aos que xa se enfrontan as autoescolas é a pirámide poboacional. En datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de mozos de 18 anos censados na provincia diminuíu en 3.450 persoas de 2001 a 2011. A redución da natalidade afecta o desenvolvemento económico destas empresas, que chegan a cubrir o 75% da facturación anual nos meses estivais grazas, en gran parte, aos mozos neste rango de idade.

FOLGA. As boas cifras rexistradas durante este verán contrastan coas dificultades do ano pasado, cando a partir do 19 de xuño os examinadores iniciaron unha folga que se prolongou varios meses.

Entre as reivindicacións dos traballadores atopábanse a reclamación dun complemento específico mensual por responsabilidade e accidentes e a incorporación de novos examinadores ao persoal. A falta de resolución nas conversacións levou a aprazar miles de exames en todo o país, o que se traduciu en prexuízos, sobre todo, para as autoescolas. Manuel, director da Autoescuela Chaves, declara que "a folga repercutiu moitísimo" nos centros da cidade. "As perdas xa non se recuperan", asegura. Unha afirmación coa que os seus compañeiros de Autoescuela Teucro están de acordo: "Cando falamos de danos, falamos de alumnos perdidos, alumnos que non van volver, de perdas económicas cuantiosas. Pasámolo moi mal". Explican que, ante a imposibilidade de examinarse na súa cidade natal durante os meses de verán, moitos dos mozos matriculados decidiron trasladar o seu expediente a autoescolas das cidades onde estudaban. Fontes de Tráfico aseguran que uns 6.000 aspirantes perderon a oportunidade de presentarse aos exames en Galicia.

Ollo ao carné por puntos en Galicia

Para conseguir o carné de conducir de tipo B hai que pasar unha serie de probas que demostren aos examinadores da DXT que o candidato é apto para manexar un vehículo, "unha ferramenta moi perigosa", en palabras do director da Autoescuela Chaves. Con todo, Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior índice de licenzas retiradas. Segundo datos ofrecidos por Xefatura de Tráfico da Coruña, desde que en 2006 se implantase o carné por puntos retiráronse máis de 22.000 carnés en Galicia, concentrando Pontevedra máis do 40% das perdas de vixencia.

Comentarios