"Ningún rapaz pode quedar atrás, pero tampouco se trata de aprobar por decreto"

Rogelio Carballo, presidente da Federación Provincial de Anpa Pontevedra e Confapa Galicia, fálanos sobre a situación educativa actual co terceiro curso covid xa iniciado. Existe continuidade nos colexios, mentres que nos institutos se albisca unha revolución polo traslado das recuperacións a xuño e ou pola nova configuración da ESO e o Bacharelato recollida na Lomloe. As familias demandan unha educación máis personalizada e programas de reforzo
Entrevista con Rogelio Carballo_ presidente de Fanpa_ Quedamos no Cafe Moderno_ pero a foto mellor en Montero Rios_ antes ou despois_ Xa me dicides_
photo_camera Rogelio Carballo. GONZALO GARCÍA

Non se libran das críticas, pero ninguén dá un paso adiante?

A estas críticas dámoslles o valor que teñen. Hainas xustas, inxustas, algunhas que evidentemente hai que escoitar... É un síntoma dunha situación na que todos temos dereitos pero non obrigas. O que antes era cooperación hoxe é actuación invidual. Estamos esquecendo as ensinanzas da xeración anterior: cando había un problema a sociedade xuntábase para resolvelo; agora reclámalles ás administracións que llo resolva. As administracións teñen moita responsabilidade, pero a sociedade civil tamén ten que dar pasos adiante.

Cre que as familias son conscientes do que significa as Anpas, que son as que organizan servizos como os comedores escolares?

Probablemente non. As familias ven as anpas como institucións que están aí para proporcionarlles uns servizos, pero non polo valor que teñen na comunidade educativa e a responsabilidade que conleva facer de representante das familias diante da dirección do centro, do claustro e das direccións educativas. Non sei se é fallo noso non transmitir que esa é a parte importante, non a de desenvolver actividades. Ou só nos interesa a parte material. Representamos ás familias na participación na escola pública, un dereito e unha obriga constitucional.

O curso pasado as anpas estiveron un pouco paradas pola covid. Seguen agora ao pé do cañón?

Este curso estanse reactivando maioritariamente. Por unha parte parece que a pandemia remite, a ver se é certo, e por outra, cando houbo algún contaxio nas ludotecas hai que agradecer o papel da Consellería de Sanidade, que deu solución ao protocolo. Iso da certa tranquilidade para organizar cousas. Un factor limitante é asumir unha responsabilidade sanitaria que non nos corresponde.

En Pontevedra teñen Anpa todos os colexios e institutos?

Todos. E están máis ou menos activas. Si que é certo que se nos deu de baixa a Anpa do IES Luís Seoane polo conflito que tivemos en pleno confinamento, cando denunciamos que había profesores que estaban incumprindo a directiva da Xunta que prohibía examinar da materia traballada no segundo trimestre, sen clases presenciais. Faremos unha carta aberta ás familias explicando exactamente o que pasou e achegando documentación sobre a postura da Anpa, que defendeu a un director de centro totalmente incapacitado para dirixir un centro se é capaz de emitir cartas como a que nos remitiu. Pedimos a súa dimisión un escrito á Consellería e apertura dun expediente disciplinario. Non se fixo así, polo que corresponde publicar a carta, que é dun documento público da Consellería.

Ratios: "Os bos resultados do curso pasado foron pola baixada de ratios e agora volvemos atrás; para nós é unha traxedia"

Terceiro curso covid: nos institutos, todo o mundo vacinado, e nos colexios... igual que sempre. Como ven a situación?

Hai dúas cuestións problemáticas: aínda que esteamos vacinados pode haber contaxios. Esa confianza non ten ningún sentido. Coas mesas a 1,20 metros é volver a unha situación anterior. A pesar de que en Galicia se puxeron medios para desdobrar aulas, noutras comunidades non o fixeron. Entón, para ter a presencialidade máxima, volvemos á situación anterior. O curso pasado tivemos moi bos resultados académicos con suspensión de clases, corententas de docentes, con materia anterior non recuperada, que non se puideron desenvolver actividades completas, nin as complementarias... Pero houbo baixada de ratios. Só había un factor a favor e agora volvemos perdelo. Para nós é unha traxedia. Só hai que mirar a pirámide poboacional. Imos pedirlle un imposible á xente nova, que sendo a metade produza o dobre que producimos agora para manter o estado de benestar. Se non lle damos todos os recursos non van poder cumprilo. Xa hai carestía de profesionais en todos os ámbitos. Necesitamos que ningún quede atrás e sexa estremadamente produtivos. E estamos escatimando, condenando a un suicidio por xustificar en gasto de hoxe o que nos vai conducir á ruína en dez ou quince anos. Hai unha caída da natalidade brutal e estamos reducindo o tamaño do sistema educativo e a súa calidade, cos mesmos impostos.

Como ven a nova lei de Educación (Lomloe) con máis optativas na ESO e ata cinco bacharelatos?

Ten partes positivas e negativas. De que valen cinco bacharelatos se necesitas un mínimo para establecelo e iso só se vai dar en zonas urbanas? Iso condena aos bacharelatos de zonas rurais, onde só poderá haber un ou dous. Imos a un mundo onde as persoas necesitarán habilidades para saltar dunha cuestión a outra moi distinta a medida que moitas profesións se automaticen. Iso é compatible con manter sistemas formativos estancos cada vez en idades máis temperás, cando moitas veces non sabemos nin o que queremos, que nos van incapacitar? Nun periodo de formación de competencias e coñecementos están reducindo a capacidade de mudar de ruta. E o sistema sociopolítico vai esixir facer eses cambios moitas veces. Pero non hai debate, só se fala de feitos consumados.

Profesorado: "Se o sistema educativo ten como prioritario o benestar do profesorado e non a atención ao alumno, non sei a que nos dedicamos" 

Non hai ningún interacción das familias co Ministerio?

Nada. Estamos en Ceapa (Confederación Española de Asociaciones de Padres y Madres del Alumnado) e nunca houbo unha convocatoria ou grupo de análise sobre que facer co sistema educativo do futuro.

Nos colexios de Primaria cambiou algo respecto ao curso pasado?

Non cambiou nada. Hai cousas tan ridículas como ter que manter os grupos de convivencia estable nas aulas pero no patio se poden mesturar mantendo separación de metro e medio. É dicir, ao aire libre a metro medio e na aula a 1,2 metros. O que tamén hai en Primaria é unha aplicación do protocolo covid dependente da vontade dos centros. Nalgúns impídesenos desenvolver actividades cando está recollido na lexislación sobre o funcionamento dos centros. A covid tivo un alto custe para as familias, que tivemos prohibido o acceso aos centros, seguimos sen titorías presenciais... O profesorado viviu apartado do escrutinio das familias e iso témolo que recuperar con urxencia.

Que é o que máis lles preocupa agora ás familias?

Cando imos volver á normalidade. Os nosos fillos deixaron de ser rapaces, perderon as actividades ordinarias educativas, porque a vida educativa non se limita a recibir unha serie de coñecementos nunha aula. Visitas a teatros, museos, excursións... Todo iso parouse de golpe hai ano e medio. E tamén todo o que está pasando coa modificación lexislativa e a falta de evolución no sistema educativo, que é estremadamente preocupante. Que un gremio [os docentes] non diga nada sobre a retirada dos exames da ESO en setembro...

Eleccións: "Nós tratamos de que se presentaran outras candidaturas, pero estamos nunha situación de crise do asociacionismo»

Detalle este cambio.

Restámoslle dúas semanas ao curso para encaixar eses exames de recuperación. O curso acabará a finais de maio. A avaliación ordinaria será a primeira semana de xuño e despois a extraordinaria entre o 20-22 de xuño. Nese paréntese, en teoría haberá clase pero os que aprobaron farán outras actividades que non sexan as clases de reforzo. Pero non é certo. Os profesores deixan de tomar nota da asistencia e desincentivan ao alumnado para que vaia á clase. Se o sistema educativo ten como prioritario o benestar do profesorado e non a atención ao alumno, non sei a que nos dedicamos. Preocupámonos moito esta deriva.

Este cambio entraría en vigor este mesmo curso?

Agora xa se ve agravado, porque non hai avaliacións. A Lomloe vai promulgar o decreto, co que o feito de suspender non vai ser óbice para non pasar de etapa. Sempre que compartimos que non pode quedar ningún rapaz atrás e que a educación ten que ser un proceso personalizado, pero non sei ata que punto perder todo tipo de baremo e control sobre a capacidade dos nosos fillos de asumir os coñecementos impartidos é unha boa decisión. Non se trata de que ninguén aprobe por decreto, senón de que todo o mundo acade as competencias. Se nin sequera o programa de reforzo é obrigatorio nos institutos!

Comentarios