Marcos Rivas: "Non podemos perder os concertos"

Reabre Karma, a única sala de concertos da cidade, 522 días despois de botar o peche. Faino esta fin de semana, tras varios intentos fallidos, cun concerto de Thee Blind Crows e Mascada e coa intención de seguir sendo un referente cultural.
Marcos Rivas, dueño de la Sala Karma. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Marcos Rivas, dono da Sala Karma. BEATRIZ CÍSCAR

Rock, punk e blues fusiónanse na proposta musical dos pontevedreses Thee Blind Crows, o grupo que subirá ao escenario de Karma o sábado 28 de agosto no que supón a reapertura da única sala de concertos de Pontevedra. "É unha honra reabrir con eles", di o xerente do espazo, Marcos Rivas.

Más de 500 días despois, reabre.

Para min é unha alegría moi grande. Creo que non o teño de todo asimilado, nin o terei ata que cheguen as oito do sábado. Estamos enfrascados agora mesmo en poñelo todo a punto.

Houbo varios intentos previos de reapertura.

Pero non saíron adiante. O ano pasado intentámolo. Quixemos traer a Arizona Baby, pero vimos que no verán todo se precipitaba e houbo que frear. Este ano tiñamos pensado abrir a finais do curso e, de novo, houbo que paralo todo. Se non abrimos antes, foi por seguridade. Decidimos esperar e esperar e cada vez esperamos máis e o sábado fará 522 que pechamos a porta coa última sesión de club, que fora de Furious Monkey House, precedida dun concerto, o día anterior, de Amaro Ferreiro.

A situación convida hoxe a ser máis optimista? Por que decidiu reabrir agora?

Por desesperación. Mentalmente, e falo creo que por min e por moitos outros compañeiros de salas de concertos, estamos ao límite. Sei que non é unha reapertura como nos gustaría, ao grande, pero é un xeito de dar un pasiño.

Elixiu a Thee Blind Crows, un grupo vinculado á sala, para volver.

Exacto. Eliximos a Thee Blind Crows porque un dos seus membros, Diego [de la Iglesia], ten xunto con Adrián [Parcero] a empresa Guillotina Estudio, que foi a que deseñou o noso logo. É ademais un grupo de aquí que leva moito tempo sen tocar e que nos apetecía subir ao escenario. Que o primeiro concerto teña esa compoñente rock e punk tamén nos apetece moito. Xunto a eles estará Mascada, que tiña un concerto pendente con nós desde as cancelacións. É unha honra reabrir con eles. De todas as reinauguracións que tivemos nestes anos, relacionadas cos cambios de patrocinadores e co deseño do local, esta sen dúbida é a máis importante. Nunca vivimos nada parecido. Vai ser moi especial.

Farase co acceso limitado a un 50% da capacidade.

Si, poñemos á venda 80 entradas, un pouco menos do 50% da nosa capacidade. Será obrigatorio o uso de máscara e haberá que estar sentados en taburetes altos. Entre actuación e actuación estará pinchando JT DJ para contribuír a crear un pouco de ambiente. E a ver que pasa.

A xente ten ganas de música?

Si que hai ganas, si. Pero Karma é un soto, con todas as dificultades e problemas que iso ten nestes momentos. E estamos aínda en agosto, que é un mes que tamén ten as súas particularidades. É evidente que as terrazas sempre nos van gañar, pero queremos probar a ver como funciona todo.

Cando pechou a sala en marzo de 2020, imaxinaba que tardaría máis dun ano en reabrir?

Para nada. Pensamos que iamos estar un mes na casa e punto. De feito, puxémonos a reorganizar a programación inmediatamente tras as primeiras cancelacións. A medida que ía pasando tempo foi que nos fomos dando conta de que isto ía ser moito máis duro do que imaxinabamos. O mes converteuse en tres, en seis, nun ano... Finalmente  houbo que agardar 522 días para volver.

O peor momento que pasou?

Este verán.

O verán no que estamos?

Si, este. Todo se puxo de revés. Era o momento no que finalmente parecía que, coa vacinación en marcha, todo ía mellorar e, de repente, pasou todo aquilo da viaxe dos estudantes a Mallorca e os contaxios descontrolados. Foi un pau tremendo cando estabamos preparándoo todo para volver.

Pensou nalgún momento en reabrir prescindindo dos concertos? Algunha vez falouse dunha reapertura como cervexería.

Si, falouse porque era a única opción que nos daban. As administracións empezaron a dicir que só se ía poder estar sentado dentro dos locais. Que podiamos facer? Era un xeito de adaptarnos. Chegamos a colocar os grifos, que agora volvemos quitar. Pero incluso daquela sempre tivemos na cabeza facelo programando música en directo. Así que respondendo ao que me preguntas: non, nunca pensei en prescindir dos concertos. Nunca. Finalmente creo que poderemos volver ser o que fomos sempre, unha sala indie. Non quero perder ese espírito. O Galegote, o Surfing... todo naceu aquí. Karma é todo isto. Non podemos perder os concertos e os DJs. Eu non os quero perder.

"Non se fará o festival Surfing the Lérez este ano"

Ademais da sala Karma, vostede ten unha promotora, Jack-Jack, que organiza, entre outros, os festivais Galegote e Surfing the Lérez. Este último está pendente de celebración. Vaise facer?

Non, finalmente non se fará. Estivemos estudándoo ata o último momento, pero finalmente decidimos co Concello non facelo. Vémolo moi perigoso. O Surfing é un festival que ten un efecto chamada moi importante e preocúpanos non podelo controlar.

Sen embargo, tanto o concerto de Ortiga dentro do programa Cabos Soltos como as ctuacións do Galegote foron ben.

Si, pero son propostas diferentes. Fanse no centro da cidade, o que permite ter un control sobre o espazo que non se ten na Illa das Esculturas, onde se fai o Surfing the Lérez. Pechar o acceso á Illa era inviable porque a xente tamén vai pasear, facer deporte... E acotar un festival como este alí, a un cachiño, non tiña sentido. É a única romería rock que se fai en Galicia, onde van nenos e van avós, onde se fan merendas e picnics... Iso forma parte da alma do Surfing e non queriamos roubarlla. Cremos de verdade que o mellor é agardar ao ano que vén. Sería bonito facer o Surfing doutra maneira? Non sei. Penso que ao final sería máis un borrón feo que outra cousa.

Sábado 28 de agosto
A sala Karma reabrirá o sábado 28 de agosto cun concerto dos cambadeses Mascada e dos pontevedreses Thee Blind Crows. Os primeiros subirán ao escenario a iso das 22.00 e os segundos sobre as 23.30 horas. Ademais, entre un e outro estará pinchando Javier de la Torre –JT DJ–. O local ten previsto pechar ás 01.00 horas. Acceso limitado a 80 persoas. Entradas anticipadas á venda en wouticket. com, 11 euros. Na porta: 15 euros.

 

Comentarios