"Non hai que cantar ben, só hai que ter gana de cantar"

Maravallada aspira a repetir o venres o éxito da proposta Aquí cántase, que convida a cantar de xeito colectivo pola rúa temas tradicionais e na que o ano pasado participaron máis dun milleiro de persoas
2019080813354380663
photo_camera Carme da Silva entre os membros de Maravallada Mariluz Rodríguez e Manuel Espiño. EMILIO MOLDES

Maravallada convoca por terceiro ano consecutivo aos pontevedreses a cantar temas tradicionais pola rúa. A cita é o venres, a partir das 21.00 horas, na Praza da Ferrería. Alí comezará o Aquí cántase deste ano, que tamén pasará por Curros Enríquez e polas escalinatas do Teatro Principal, para rematar, pasada a medianoite, na Praza da Leña. "O ano pasado imprimimos 1.000 letras das cancións e na segunda praza xa as repartiramos todas", contaba o mércores Manuel Espiño, da agrupación que está detrás da proposta. "Este ano imprimimos 1.200 e agardamos que se esgoten de novo".

Espiño, xunto a outra compoñente de Maravallada, Mariluz Rodríguez, e á concelleira de Festas, Carme da Silva, presentaron o mércores a edición deste ano de Aquí cántase, que leva preparándose dende o mes de maio con varios ensaios colectivos. "Hóuboos en Santo André de Xeve e no Gorgullón. E, o 1 de agosto, un final conxunto en Salcedo". A xente que participou nestes ensaios compoñen o núcleo duro, xunto con Maravallada, do Aquí cántase. A eles, que son arredor de 200 persoas, pode sumarse todo o que queira. "Porque non hai que cantar ben, só hai que ter gana de cantar", apuntou a concelleira Carme da Silva.

Coa proposta de Maravallada rematan as actividades da programación de verán do Concello de Pontevedra previas ás Festas de Agosto, que comezan oficialmente o sábado día 10 co pregón de Manuel Jabois (12.00 horas, Pazo de Mugartegui) e co concerto de Tequila (22.00 horas, Praza de España).

Manuel Espiño lembrou que Aquí cántase forma parte das actividades que leva adiante Maravallada dentro da súa filosofía de traballo na recuperación do canto tradicional galego. Esta mesma agrupación é a que saca adiante todos os anos, tamén en colaboración co Concello, o ciclo Cantos de taberna, que leva a grupos de música tradicional nos que predominan as voces a cantar en distintos locais de Pontevedra. "Nesta ocasión, para o Aquí cántase preparamos 20 cancións. Catro delas son novas", avanzou Espiño. "Tratamos de incluír algún tema diferente entre os que xa son clásicos para motivar aos participantes doutros anos, para que sempre teñan algo novo".

ANXO XESTEIRA. O director da actividade volverá ser Anxo Xesteira e a proposta contará coa colaboración de Treboada Baixo Miño. Esta agrupación será a que introducirá as distintas paradas nas prazas e a que animará os percorridos entre unhas e outras.

"Convén lembrar que a nosa intención non é que Maravallada chegue a unha praza e ofreza un concerto de música tradicional", explicou Espiño. "Non é diso do que se trata. O que tratamos é de facer de correa de transmisión. O noso obxectivo é que a maior cantidade posible de xente se anime a cantar temas tradicionais".

O grupo de música tradicional Maravallada naceu en Pontevedra en 2010. Ao ano seguinte, da súa man creouse unha asociación co mesmo nome "coa intención de levar a cabo proxectos de recuperación e difusión da cultura tradicional".

Comentarios