"Non hai ningunha barreira que impida a renaturalización do Gafos"

Estudantes e docentes na súa visita ao contorno do Gafos. JAVIER CERVERA
photo_camera Estudantes e docentes na súa visita ao contorno do Gafos. JAVIER CERVERA

Un grupo de estudantes do grao interuniversitario de Paisaxe visitou este xoves o contorno do río Gafos con dous docentes, un deles Jorge Rodríguez, coordinador da materia Proxecto da Paisaxe 3. Acompañados por membros de Vaipolorío visitaron esta área e abordaron a renaturalización do Gafos ao seu paso por Campolongo, unha posibilidade que Jorge Rodríguez, orixinario deste barrio, ve con bos ollos.

O Grao en Paisaxe impártese a medias entre a UDC e a USC. Actulmente está no segundo curso e só hai outros dous iguais en España. O seu obxectivo é dotar ao estudantado dunha formación transdisciplinar, que vai dende a botánica á edafoloxía ou ao deseño, a planificación do territorio, a historia do arte, específica para estudos e propostas na paisaxe.

"Tratamos de adentrar ao estudantado na utilización dos elementos vexetais e en temas relacionados coa auga no proxecto de paisaxe" explica o docente, que viu "interesante que traballaran na problemática da recuperación do Gafos en Campolongo e vexan que o que fai ten unha aplicación". Así, poden analizar a vexetación e o río "tanto no tramo aberto como no canalizado, a historia, as posibilidades que ten e o que vai pasar cando se destape".

Nesta primeira visita puideron coñecer o lugar e "como se usa a praza da Constitución, onde imos centrar o traballo". Trátase dunha zona "co parque infantil, moi utilizada desde sempre. É interesante que vexan que actividades se fan alí, por onde cruza a xente, por onde pasa... Se son maiores, rapaces, cans, bicicletas... Cando acometan o proxecto terán que ter iso en conta".

Rodríguez non pode imaxinar "ningunha barreira que impida" a renaturalización do Gafos, "tanto desde un punto de vista técnico como que é algo que a sociedade está demandando, a reversión destas actuacións nos centros da cidade que se fixeron nun tempo no que había outras prioridades". Así, destaca os beneficios que ten a proximidade de espazos naturais. "Non é nada que non se estea facendo noutros sitios" e pon como exemplo, "a moita máis escala", da apertura dun río en Seúl (Corea do Sur) "que estaba canalizado baixo un viaducto con sete ou oito carrís de autoestrada. Levantouse todo e construíuse un parque que agora goza todo o mundo".

Comentarios