"Non queremos volver á nova normalidade, queremos cambiala desde un goberno de esquerdas"

Carmen González Nóvoa, Peque, é a candidata da Marea Galeguista por Pontevedra. Amósase positiva a pesar de que as enquisas deixan á formación fóra do Parlamento 
Peque. DAVID FREIRE
photo_camera Peque. DAVID FREIRE

Marea Galeguista non concorría ás eleccións convocadas para o pasado 5 de abril, que logo foron aprazadas por mor do estado de alarma e a crise sanitaria. Agora constitúen unha das novidades da cita coas urnas, formando coalición con Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista. Que cambiou?

Evidentemente, a pandemia. A situación mudou de arriba a abaixo. É o momento en que todos temos que opinar e participar da reconstrución do país. Falamos da nova normalidade, pero nós non queremos volver á anterior normalidade, queremos cambiala. É imprescindible. Ese chamamento á unidade que levabamos facendo desde había tempo tivo resposta, xuntámonos tres forzas e decidimos concorrer ás eleccións.

Esa marea cidadá que irrompeu con forza no Parlamento nas pasadas eleccións concorre agora dividida. Non pode volver a pasar factura en xeral a todo o pensamento de esquerdas?

Efectivamente, as fracturas pasan factura, pero pensamos que esa etapa quedou atrás. Hoxe somos dous espazos totalmente diferenciados. Houbo xente que recuperou esa dependencia estatal que sempre tivo e nós seguimos conformándonos como unha forza e un espazo galego e galeguista. A diferenza é bastante importante e clara. Que pode pasar factura? Si, pero ninguén pode obviar o que pasou. Nós seguimos construíndo e participando na vida do país dentro das nosas posibilidades.

As enquisas que se están a publicar non lle outorgan espazo á Marea Galeguista, malia que si a Galicia en Común. Que valoración fan?

Coñecemos as enquisas que hai e de feito hoxe estamos contentos porque o CIS nos deu algo de aire. O certo é que acabamos de chegar. Somos a novidade e as novidades sempre están ben, pensamos que unha vez que a xente nos coñeza agora na campaña si que temos unha oportunidade e a cousa mellorará. De feito xa se nota que está mellorando e a nosa progresión é en positivo. Nos dá moitos ánimo e a verdade é que temos moitas ganas de traballar polo país.

Vai ser esta unha campaña moi diferente, marcada pola crise sanitaria da Covid-19.

Malia que a campaña, oficialmente, empeza hoxe (por este xoves) nós xa levamos tempo traballando e facendo con encontros con distintos colectivos. O programa, que sigue estando aberto, rematámolo o mércores pola noite porque tivemos cantidade de xuntanzas virtuais e incorporamos propostas que nos foron facendo. A campaña a plantexamos sen actos multitudinarios, áparte de por quen somos, porque pensamos que hai que ir cambiando nese sentido. Temos por diante unha campaña sinxela máis de achegamento, de ter contacto cos distintos movementos por zonas, e logo cremos que a campaña desenvolverase a nivel de medios.

Somos unha opción progresista. A nosa diferenza é que somos unha forza galega, sen ataduras fóra do país

Cales son as liñas estratéxicas do programa de Marea Galeguista que lidera Pancho Casal?

As nosas liñas marcámolas en tres eixos: feminismo, ecoloxismo e crise social. Agora todos poñemos o peso nos servizos sociais, porque o que se demostrou nesta pandemia é que estaba mal xestionado. Non é que de repente a situación estoupara pola crise sanitaria,se ve que estaba moi mal xestionado, privatizado, en mans de empresas ás que só lles interesa a súa economía. Todo vai entrelazado. Non se pode falar de servizos sociais sen falar de sustentabilidade e feminismo. O feminismo é unha liña que marca a mirada. Queremos revalorizar o papel das mulleres desde sempre e poñer en valor o traballo das que estiveron en primeira liña durante a pandemia. A xestión dos servizos sociais ten que ser pública integramente.

Como ven que se está a desenvolver o escenario electoral?

O Partido Popular leva en campaña desde que comenzou a pandemia. A ocupación descarada dos medios públicos por parte do PP é patente. Nós comenzamos a campaña no periodo en que se marca. Non nos parece de recibo. Os medios públicos hai que xestionalos doutra maneira.

Por que a cidadanía ten que votar Marea Galeguista?

Temos elementos comúns a outros espazos que nos sitúan nunha opción progresista. A nosa diferenza é que somos unha forza galega sen dependencias fóra do país nin ataduras. Dirixímonos a todas as galegas e a todos os galegos, sen excepción, queremos participar porque pensamos que todos teñen que estar e nós tamén.

Comentarios