Miguel Anxo Fernández Lores | Alcalde de Pontevedra

"Non vai haber problema no mandato, as dúas forzas queremos que isto avance"

Onte alzou o bastón de mando por sexta vez. Nesta ocasión, fíxoo tras chegar a un acordo co PSOE que permitirá ás dúas forzas gobernar cunha maioría de 15 edís nunha Corporación de 25, un equipo "forte e feito para sumar esforzos"

Miguel Anxo Fernández Lores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores. GONZALO GARCÍA

LORES INICIA o seu sexto mandato consecutivo como alcalde de Pontevedra. Faino cun equipo renovado no que hai veteranos e novas fichaxes e no que once edís nacionalistas compartirán escenario e poder de decisión con catro socialistas. Iso si, entre os principios do acordo están a autonomía de xestión e un programa consensuado conxuntamente que marcará a folla de ruta para os vindeiros catro anos.

O Concello de Pontevedra estrea Goberno local. Que foi o que máis lles custou acordar co PSOE?
En realidade foi un acordo rápido con moitos puntos de encontro, porque as diferenzas que hai son só de matices. Hai un criterio claro, que é o de seguir avanzando, e o mellor para os pontevedreses é un Goberno forte, estable, leal e cuns principios programáticos claros. É obvio que se acabou un ciclo e agora comeza un diferente.

En que sentido?
Pontevedra no seu momento era unha cidade pseudoindustrial e a transición que fi xemos foi modélica, porque plantexamos a recuperación da cidade e da calidade de vida cuns parámetros básicos como a accesibilidade universal, a aposta polo medio ambiente... Estamos nunha boa situación de partida, pero digo que empeza un novo ciclo porque as cidades de futuro non son industriais nin teñen industrias ubicadas nos espazos urbanos, senón que son cidades que teñen moito que ver coa innovación, coas novas tecnoloxías, co desenvolvemento sostible... O desenvolvemento, ou é sostible ou non é. Esa é a idea fundamental e para que sexa posible hai que mellorar o equilibrio urbano-centrorural- barrios, dotar de servizos de calidade a todos os veciños, mellorar as infraestruturas... Este novo ciclo durará o tempo que teña que durar: dez, quince, vinte anos... Pero partindo dunhas bases firmes como as que xa temos queremos dar ese asalto adiante. É un novo mandato en todos os sentidos. Hai unha serie de retos en marcha e un deles é a promoción económica, que ten moito que ver coa creatividade, porque nun mundo globalizado temos que ofertar cousas diferentes, como deseño e creatividade. Ese salto tamén pasa por recuperar a ría, chegar á excelencia no trato cos cidadáns e ter unhas infraestrutras e uns equipamentos que son imprescindibles para Pontevedra.

E por que non optaron por tentar realizar todo iso nun mandato en solitario?
Os últimos catro anos fixérono así e non lles foi mal... Si, aínda que nos dous primeros anos do mandato tivemos dificultades para aprobar os Orzamentos. Foi ben e estou contento coa xestión, pero queremos dar un salto adiante e non adicar tempo a debater, senón a sumar esforzos. Se hai un pacto de mandato temos garantidas unha serie de cousas. Dúas forzas políticas que representan á maioría social cun 55% fronte ao 35% da oposición é un aval importante para avanzar. Un goberno estable é máis positivo para seguir traballando.

Na decisión de establecer un pacto de Goberno co PSOE, pesou moito o feito de que Marea xa non vai estar na Corporación? Dígoo porque neste mandato o seu apoio foi decisivo para sacar adiante cuestións coma os Orzamentos.
Iso foi co terceiro Orzamento, pero despois o PSOE tamén se abstivo e permitiu a súa aprobación. A ver, aparte de ter unha historia de Goberno co PSOE en tres dos cinco mandatos, nos dous últimos anos houbo un certo achegamento e este pacto é unha continuidade diso.

Sen embargo, no último mandato en coalición co PSOE houbo tensións, sobre todo cara ao final. Que lle fai pensar que agora vai ser diferente?
A actitude. Agora é proactiva, de buscar puntos de encontro e non diferencias. Neste proceso de negociación houbo empatía desde o principio. Non pasou así hai catro anos, cando fi xemos un principio de contactos provisionais nos que chegamos á conclusión de que non había acordo e xa decidimos de forma inmediata gobernar en solitario. Agora, en cambio, si se deron as condicións e sinceramente penso que non vai haber problemas ao longo do mandato porque as dúas forzas temos interese en que isto avance.

Para que sexa así crearon xa de partida un programa de base que marcará a folla de ruta. Iso recorda ao que fixeron o PSOE e o BNG na Deputación, non?
O resultado do acordo na Deputación foi positivo para visualizar iso e tamén para os pontevedreses, aínda que despois os resultados de cada forza política non son explicables, porque nós subimos 20.000 votos e perdemos un deputado. Pero estamos contentos co resultado.

No Concello van crear unha comisión paritaria de seguemento e para mediar en caso de que xurdan discrepancias. Como fará para resolver desencontros entre as dúas forzas se vai estar integrada por persoas desas mesmas forzas?
Esa comisión é unha garantía, pero non creo que se vaia reunir porque sexa necesario, xa que as distintas cuestións están moi claras. Foi un consenso rápido, pero falamos de moitos temas e nos fundamentais estamos de acordo. Ademais, imos estar xuntos nas comisións e na Xunta de Goberno.

Cando asinaron o pacto, Tino Fernández e vostede dixeron que non foi necesario que ningún dos dous partidos cedese demasiado. Non obstante, vendo o reparto de áreas, dá a sensanción de que o BNG si cedeu bastante, incluso certas concellerías nas que collei tou éxitos durante estes anos...
Se hai un Goberno de coalición de once-catro, téñense que repartir as responsabilidades. Non podemos levar todo nós porque se non gobernariamos en solitario. Tentamos facer un Goberno equilibrado para a representatividade de cada un. Obviamente, ten que haber unha decisión tomada desde arriba respectando ao máximo as apetencias de cada un, pero tentando distribuír equitativamente.

E dentro do equipo nacionalista foi complicado o reparto?
Non. No BNG somos políticos no sentido máis amplo da palabra. Non somos xestores de ningunha área en concreto. Sempre tivemos a gala que calquera concelleiro ten que saber levar calquera responsabilidade, porque as decisións son políticas pero a forma de executalas sinálana os técnicos.

Anabel Gulías vai ser a nova voceira do Goberno municipal en lugar de Raimundo González. Ten iso que ver con ese cambio de ciclo do que falaba antes?
Non. Hai que variar as responsabilidades. Non hai ninguén especializado en ser voceiro. Xa o foron Raimundo, Carme da Silva, Mosquera... Consideramos que neste momento o correto era isto, pero podía ser calquera outra persoa.

O columnista Rodrigo Cota falaba hai uns días do comezo do ‘Anabelato’...
Porque a alguén se lle ocorreu dicir nun momento determinado esas cousas, pero iso nunca se dixo desde o Concello. Son opinións externas. Eu non fago esa lectura. O que está claro é que nós estamos incorporando nova xente, que é imprescindible e é lei de vida. Estivémolo facendo sempre. Hai xente que entrou con menos responsabilidades e foi adquirindo máis co tempo, e outra que xa entrou coa fase de aprendizaxe feita, así que podía ter máis responsabilidades desde o principio. Hai que ir partido a partido e de aquí a catro, a oito ou a dez anos xa se verá. A vida dá moitas voltas.

Á hora de negociar o pacto de Goberno no Concello, pesou a negociación dun posible pacto na Deputación Provincial?
Non. En liñas xerais, o BNG e o PSOE van garantir gobernos nacionalistas e progresistas fronte a gobernos do PP, pero logo cada negociación é local. De feito, aquí xa pechamos o acordo e na Deputación nin sequera sei se hai negociacións. Non ten absolutamente nada que ver e un exemplo é que no mandato anterior na Deputación gobernamos xuntos e no Concello non. Ao mellor agora ocorre ao revés, non o sei. A experiencia no Goberno provincial é boa e pódese dar calquera circunstancia.

Pero o BNG vai tentar seguir no Goberno provincial?
Non discutimos iso. Non hai un posicionamento previo. Vai haber negociacións, ver que posibilidades hai e logo dependerá do que queira o PSOE e do que aceptemos nós.

César Mosquera dixo que o lóxico é que na Deputación estea algún membro do Goberno municipal de Pontevedra. Vai ser o propio Mosquera ou teñen outra persoa candidata?
Somos un Concello importante na provincia, así que representativamente e politicamente é necesario que esteamos na Deputación. Vai haber xente do Concello que vai estar alí, pero non está decidido quen. Esa decisión correspóndelle ao Consello Nacional.

Como ve o panorama para as eleccións autonómicas do ano que vén?
Hai unha clarificación grande do espazo político do BNG e temos o pulso ben collido, con mensaxes claras. Estamos á alza. Duplicamos nas xerais e nas europeas, incrementamos nas municipais e as perspectivas son moitísimo mellores das que había. Vai depender de que sexamos capaces de seguir incorporando xente ao proxecto.

Cando remate este mandato, que é o que máis lle gustaría ver realizado?
Recuperar a ría e que marche Ence. Pero tamén que os veciños incrementen a súa sensación de orgullo e de pertenza ao seu concello, porque cando iso sucede, quere dicir que funcionaron moitas cousas e tamén é algo moi importante para seguir facendo máis. Esa sensación xa existe, houbo un cambio de mentalidade na xente, que maioritariamente se sente orgullosa de ser de Pontevedra.

E despois deste mandato, a por outro?
Este é un traballo colectivo e eu síntome parte dese colectivo. Na medida na que esteas a gusto, teñas ilusión e poidas seguir achegando cousas, logo depende do compromiso de cada un e da situación persoal e familiar. Eu de momento estou encantado e a gusto, así que imos seguir. Partido a partido.

"Transporte? Eu quero resolver problemas e non andar a tirar os ‘trastos’, diso xa estou aburrido"
Cales serán as claves principais deste novo mandato?
Hai unha idea global que ten que ver coa sostibilidade e o medio ambiente, que vai ser fundamental e vai estar sobrevoando todo: a recuperación da ría, o saneamento e o abastecemento, a mellora da calidade do aire, a loita contra o cambio climático mediante a redución do tráfico de coches e dos ruídos... Outra clave importante serán as infraestruturas: o hospital único, a A-57, o paseo a Marín, a variante de Alba, etcétera; e outra será o tratamento dos residuos sólidos. O logrado en Príncipe Felipe é paradigmático desa economía circular que debe haber e tentaremos extender o modelo a toda a cidade. Tamén está o saneamento da ría: a Xunta é a responsable da depuradora e dos grandes colectores, pero nós temos que extender a separativa de pluviais e fecais ao 100% da rede (agora está no 98%). E ademais está todo o relacionado coa promoción exterior da cidade, coa internacionalización e coa actividade económica e das empresas, que ten relación coa creatividade, a innovación, as novas tecnoloxías e coa interrelación da sociedade coa Administración pública. Ten que haber participación para sacar a máxima rendibilidade a toda a enerxía que hai, aproveitando que temos unha mocidade moi formada e concienciada. Se queremos competir mundialmente e non temos volume para facelo, temos que buscar un plus de calidade e iso aplícase a todo: ao turismo, á cultura, aos eventos deportivos, á calidade de vida... A todo.

Tanto o BNG como o PSOE queren que Ence marche de Lourizán, pero son os socialistas os que se farán cargo da área de Disciplina Ambiental. Van ser eles os que leven o tema do traslado creando a mesa de negociación que propoñían no seu programa?
Bueno, iso xa se verá. Coincidimos en que Ence non pode seguir producindo na ría e iso xa é un paso importante. Nesta campaña Ence tentou facer un referéndum co apoio claro a determinadas forzas políticas que defenden a súa permanencia, especialmente ao PP, e perdeu. A cuestión é que Ence non quere marchar de Lourizán. Está tentando modificar a opinión pública e comprando vontades para que se lle permita quedar aí, pero para nós iso é inasumible. Mentres a empresa non teña claro que non pode seguir en Lourizán e que, ou busca unha alternativa noutra ubicación ou se non ten que pechar, non ten sentido ese debate, porque Ence está negando a maior, así que non ten sentido unha mesa de negociación. No hipotético caso de que fose operativa unha mesa dese tipo, analizariámolo, pero neste momento non hai lugar a iso. Ademais, axudar a facilitar ese traslado non é competencia municipal.

No programa do pacto inclúen tanto a implantación do transporte a demanda como a reorganización do transporte urbano e interurbano con buses en coordinación coa Xunta. Iso quere dicir que van negociar entrar no plan de transporte metropolitano da Xunta?
Non. Cando os técnicos do Concello que levan o tema do transporte falan cos técnicos da Xunta, normalmente enténdese perfectamente. O problema é cando entran en escena cuestións políticas de tirarse ‘trastos’ e iso é algo do que xa estou aburrido, porque eu quero resolver problemas e non tirar ‘trastos’, así que espero que cando pasen as eleccións a Xunta se sente a falar seriamente. En primeiro lugar, aquí hai un transporte interurbano metropolitano imprescindible, que é competencia da Xunta e que é o que vén de Vilagarcía, do Grove, de Ponte Caldelas, etcétera, e que actúa como transporte urbano dentro da cidade porque así o especifica a lei, para aproveitar liñas. Duplicalas xeraría un gasto inútil, así que nós estamos dispostos a coordinar que esas liñas de transporte interurbano actúen tamén como liñas urbanas. En segundo lugar, na de Monte Porreiro, que é competencia municipal, xa temos un convenio coa empresa que permite ofrecer aos usuarios os billetes máis baratos de Galicia cando o bus se usa regularmente. E en terceiro lugar, o transporte ás parroquias non depende do Concello, porque a competencia municipal é o núcleo urbano e ademais ter buses baleiros circulando polas parroquias non é algo defendible no século XXI, é altamente deficitario e non resolve o problema. Ademais, non entendo o criterio da Xunta de que os billetes sexan gratis para mozos de 18 anos e que os de 20 teñan que pagar. Hoxe en día o índice de motorización é altísimo e o que hai que facer é buscar unha alternativa social e economicamente sostible. E para iso estamos estudando o transporte a demanda. É dicir, trátase de compaxinar o transporte existente da Xunta e tentar buscar unha alternativa de transporte a demanda.

Comentarios