"Nos centros educativos existe violencia de xénero en maior ou menor grao"

Unha investigación da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo analiza a identidade de xénero nas redes sociais e alerta da hipersexualización da sociedade e de que a violencia adoita empezar co uso da linguaxe
cara2 (1)
photo_camera Ilustración do proxecto. DUVI

A violencia de xénero pode iniciarse a idades temperás, "cando se están a construír as identidades e o imaxinario de xénero" e, por iso, "nos centros educativos existe violencia de xénero en maior ou menor grao e, case sempre, empeza no uso que se fai da linguaxe". Así o afirman as responsables dunha investigación que analiza a identidade de xénero nas redes sociais. Trátase do proxecto Carapuchiña e a pantalla feroz, liderado polo grupo de innovación docente GTiCH (Group for Teaching Innovation on Children´s Literature) e desenvolto co financiamento da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo.

O obxectivo, segundo informou o Duvi, era analizar o uso da linguaxe nas redes sociais por parte de preadolescentes e adolescentes para determinar cales son as diferencias respecto dos usos estándar da linguaxe e estudar como inflúe o binomio sexo/xénero no seu uso. Ademais, tamén se centraron en recoller datos sobre imaxinario e identidades, sexismo e hipersexualización que axuden a diagnosticar e previr posibles comportamentos que preceden á violencia de xénero.

O estudo foi desenvolto polas investigadoras do GTiCH Veljka Ruzicka, Lourdes Lorenzo, Ana Pereira, Beatriz Rodríguez, Ana Fernández e Sonsoles Facal e polo investigador do grupo GALMA Jesús Meiriño. Ten as súas orixes nos proxectos europeos Gender Identity: Child Readers and Library Collections (G-BOOK) e G-BOOK 2: European Teens as Readers and Creators in Gender-positive Narratives, ao abeiro dos cales se creou a primeira bibliografía europea sobre igualdade de xénero en Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) en inglés, francés, italiano, alemán, búlgaro, bosnio-serbio-croata e castelán.

cara1 (1)
Lourdes Lorenzo, Veljka Ruzicka, Sonsoles Facal, Beatriz Rodríguez e Ana Pereira. DUVI

As investigadoras lembran que aínda que o modelo educativo predominante é o mixto, "non se educa en igualdade e o androcentrismo continúa a imperar en moitos programas escolares", perpetuando roles de xénero e valores patriarcais, malia os esforzos que se fan desde as distintas administracións para mudar a situación. E a lingua é o seu instrumento".

Narrativas dixitais

Para realizar este estudo partiron de datos obtidos de enquisas realizadas en tres institutos galegos e de tres clubs de lectura con adolescentes, un en colaboración con Espazo Lectura e outros dous con Down Vigo e o Centro Juan María, ambos dedicados á atención e formación de persoas con discapacidade cognitiva ou intelectual, no que se puxeron en relación os relatos coas novas narrativas dixitais (Facebook, Instagram, TikTok, WhatsApp e SnapChat).

Atendendo á violencia de xénero a través das redes sociais e das novas narrativas dixitais, os participantes no club de lectura relataron experiencias que viviron tanto de forma directa como indirecta e que teñen xa formas léxicas acuñadas e recoñecibles como sexteo ou sexting (envío de mensaxes de contido sexual), sexts (mensaxes de texto de contido sexual) sextorsión, GNOC (espirse diante da cámara), GYPO (quitar os pantalóns) ou Sugarpic (enviar unha foto sexy).

A mellor solución: a prevención

Ante este contexto e preguntadas sobre as vías para corrixilo e revertelo, as investigadoras sinalan un camiño claro, o da prevención, que nos centros escolas pode realizarse a través de varias vías, como o traballo nas aulas con libros do proxecto europeo G-BOOK 2; o uso de guías de linguaxe non sexista; o traballo con ferramentas informáticas como a Lupa Violeta para axudar a evitar o uso sexista da lingua ou o emprego de textos, publicidade ou películas que axuden ao alumnado a estar vixiante, a tomar conciencia da cousificación e hipersexualización da muller e do prexuízo que pode causar un mal uso das redes sociais, en ocasións antesala da violencia de xénero.

"Porque o lobo feroz xa non se disfraza de avoa. A pantalla é a que pode ser feroz para as carapuchiñas e carapuchiños do século XXI".

Comentarios