"Notamos máis alcolemias, semella que algún quere recuperar o tempo perdido"

"Este subsector é, segundo as estatísticas, o número 1 de España". O capitán Piteira chega á Comandancia coa difícil misión de manter ese nivel de eficacia. Con grande experiencia na materia, anuncia a implementación de cambios en busca dun obxectivo único: minimizar riscos e evitar mortes en todas as estradas da provincia de Pontevedra
david entrevista al nuevo capitán del Subsector de Tráfico de la Guardia Civil, viernes, 10 jul · 12:00–12:00
photo_camera O capitán Piteira na Comandancia pontevedresa. DAVID FREIRE

Non chegou en plena pandemia, pero case. Antonio Pérez Piteira tomou o relevo de Leo Villares en febreiro, e poucas semanas despois tivo que coordinar servizos nunca vistos ao longo da provincia. O novo xefe do Subsector de Tráfico, que destaca que a mobilidade nas estradas xa alcanza "o 80 por cento" dun xullo normal, advirte do risco do binomio alcol-condución, que segue a apreciarse máis da conta na rede viaria, ao tempo que anuncia a chegada de novos elementos disuasorios, xa non só motos e furgonetas camufladas,senón tamén drons e ata un camión.

Vostede chegou e, ao pouco, estoupou a pandemia. Como adaptou o modo de traballo a esta situación extraordinaria?
Tivemos que adaptar o servizo. O subsector de Pontevedra leva un ano sendo o primeiro de España en calidade. En Tráfico mídese todo, tanto a prevención coma os resultados, e aquí é excelente. Coa pandemia comezamos por facer binomios, de tal forma que saíran sempre os mesmos. Tamén aumentar o emprego da moto, levar máscara nos coches, un diante e outro detrás. Desinfeccións despois de cada unha das quendas...É certo que tivemos en certa medida menos actividade porque había menos tráfico, pero aumentamos o número de controis, sobre todo os fixos. Eran case permanentes. Ao principio foi un labor pedagóxico, despois si que tivemos que propoñer algunhas sancións a xente que non entendía as restriccións.

As cifas baixaron moito no confinamento. Como están agora mesmo?
Notouse a reducción de accidentes de tráfico e de falecidos, loxicamente, porque a intensidade do tráfico baixou moitísimo. Agora estamos practicamente ao 80 por cento, segundo as intensidades que medimos nas estradas. Aínda non chegamos ao cen por cen, que esperemos que se chegue polo ben das actividades turísticas, porque en Galicia son dous meses.

Outros anos estaba máis controlado en puntos concretos e este temos que multiplicarnos para estar en todas partes

Preocúpalle algún perfil en concreto?
Seguimos con números baixos en canto a accidentes, feridos graves e leves, mellor que o ano pasado. Parece que se conduce con máis calma. Si que notamos unha subida en alcoholemias, non en infraccións, pero si nos delitos. Temos un repunte. Hai uns poucos que semella que queren recuperar o perdido.

Como afrontan o verán?
Teremos algo menos de persoal, pero vainos vir un camión, os drons chegarán en calquera momento, e implementarei algúns cambios, adaptar os servizos co obxectivo de elevar a visibilidade nas estradas e evitar accidentes.

Cales son as novidades que está a implementar?
As motos camufladas, que hai que utilizalas. Son compañeiros de paisano. Houbo un importanter epunte en accidentes de moto, vemos moitas motos, e está ben, pero estamos tendo problemas con algunhas actitudes que acaban provocando accidentes. As motos camufladas traballan cunha patrulla de uniforme que é a que parará a notificar a infracción. As furgonetas traballan do mesmo xeito pero neste caso buscan evitar as distraccións, basicamente o teléfono móbil, tamén algún cinto. Todos temos visto a persoas ao volante falando polo móbil, e tamén detectamos ao conductor dun camión vendo unha película nun portátil en horario nocturno. Outro exemplo de distracción que temos detectada son conductores de reparto que van lendo unha nota. Ademais, o camión, que chegará este ano, despois do verán, cunha misión parecida a das furgonetas. Os drons, por último, tamén chegarán en breve. En principio irán para A Coruña e esperemos que se repartan. Funcionarán con patrullas de apoio para notificar as infraccións.

Nótase o repunte nas infraccións cando as temos; son para evitar as distraccións cos móbiles

Este ano o ocio será diferente. Menos festas masificadas e máis celebracións pequenas. Como se controlará iso?
Antes estaba moito máis concentrado e agora temos que multiplicarnos.Será importante a información de compañeiros, especialmente os que traballan no rural. Eles comunican á central onde se pode estar celebrando unha festa e nos avisan, e nós tentaremos facer as probas de alcol e drogas nos entornos. Antes tiñamos puntos concretos onde estabamos 24 horas ao día e agora será case que todos os días da semana. Prevemos caravanas, casas rurais con convidados que van beber e poden terminar a festa noutro sitio, con desprazamentos perigosos nas estradas.

Funcionan as furgonetas?
Nótase o repunte cando as temos. Agora os radares non están camuflados. Outra forma de traballo é adiantar a un punto de control un coche camuflado parado, o que serve para detectar aos que paran de falar por teléfono cando ven á patrulla e seguen máis adiante. Alí estará ese vehículo. Temos que multiplicarnos cos medios que hai para que se perciba a nosa presencia e que non haxa accidentes.

Se non hai información, as policías locais poden cruzarse conxente sen carné e non sabelo

Pódese evitar a reincidencia?
Hai un equipo traballando con coches camuflados vixiando este tipo de conductas. Temos coñecemento de quenes son os reicidentes, onde viven e que coches utilizan. Hai un equipo especial
para iso que vixía onde traballa e onde vive, e está no punto de mira para evitar que conduza.


Cales son os principais problemas que aprecia?
Houbo reunións con policías locais e Protección Civil. Temos que colaborar máis, porque se eles saben que unha persoa está condenada a poden controlar. Se non hai información poden cruzarse todos os días con eles e non saben que teñen o carné retirado. Por outra banda, é necesario que as compañías de seguros poidan pagar sen que nós vaiamos, porque nos resta tempo doutras cousas. Non podemos estar de accidente en accidente cando son leves.

Comentarios