Unha nova mobilización impulsada pola APDR reclama que Ence deixe a ría  

"Esta vai ser a última marcha contra Celulosas na que haxa actividade da empresa en Lourizán", asegura o colectivo

Unha nova protesta percorreu este domingo rúas de Pontevedra e Marín en contra da permanencia de Ence na ría, para esixir a anulación definitiva da prórroga concedida á factoría, o seu traslado a outra localización e a recuperación ambiental da ría. A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e Greenpeace subliñan que a empresa debería abandonar os terreos que ocupa en xullo de 2018 e sosteñen que a pasteira desenvolve unha actividade industrial "incompatible co medio ambiente".

Fontes policiais cifraron a participación en 2.000 persoas, mentres que os convocantes calculan que foron ao redor de 3.500 (das cales 2.000 saíron ás 12.30 horas desde a Alameda de Pontevedra e 1.500 desde a Alameda de Marín). Os manifestantes percorreron a pé o tramo da avenida de Marín para finalizar cunha concentración nas portas da pasteira. Durante o traxecto entoaron diversas proclamas, entre elas 'A ría é nosa e non de Celulosas'.

"Na seguinte marcha non vai estar Ence. Esta vai ser a última marcha contra Celulosas na que haxa actividade da empresa en Lourizán", asegurou Antón Masa, presidente da Asociación pola Defensa da Ría na protesta. 

CONCELLO. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou aos medios de comunicación na marcha que o Concello utilizará "todos os mecanismos posibles" para conseguir o "obxectivo final" que é "trasladar Ence e recuperar a ría". 

Segundo o nacionalista, a posición do goberno municipal, "non só do alcalde e do seu grupo", é a de recuperar a ría. O rexedor destacou os 20 anos que leva traballando para iso e subliñou que grazas a iso se produciron outros traslados, como o caso das instalacións de Elnosa. 

Comentarios