A nova vida dos parques infantís

Médico Ballina será a seguinte zona en contar cun novo espazo de xogos, cuxas obras comenzarán en agosto ▶As reformas poñen o foco en seren accesíbeis para todos os nenos

Recreación virtual do proxecto de construción do recinto de Médico Ballina adicado ós máis pequenos. DP
photo_camera Recreación virtual do proxecto de construción do recinto de Médico Ballina adicado ós máis pequenos. DP

Aproveitando o bo tempo, e co período escolar gardado baixo chave no recuncho máis esquecido da súa mente, a cativada pontevedresa espreme ao máximo ás vacacións de verán espraiándose nos diversos parques infantís da cidade do Lérez. Estes espazos veñen sufrindo, desde fai uns anos, obras de remodelación nunha sorte de nova xuventude e intento de adaptalos aos novos tempos, ás súas necesidades e ás esixencias da cidadanía. Como en moitos aspectos da vida, é cuestión de renovarse ou morrer.

O último en sumarse a esta tendencia é o parque infantil de Médico Ballina, unha instalación que os veciños do barrio levan anos reclamando e que empezará a ver a luz coas obras que darán comezo ao longo do mes de agosto. O proxecto, adxudicado á empresa Bricantel España SL, terá lugar nunha parcela de case 1.200 metros cadrados cedida por ADIF e que se atopa sobre a cuberta do túnel do tren, na marxe dereita da estrada en dirección Pontevedra-Santiago.

Nunha reunión cos voceiros da veciñanza, os concelleiros Tino Fernández e Iván Puentes explicaron sobre o terreo as características da actuación que se levará a cabo. Unha actuación que, segundo avanzou o socialista Puentes, responsábel do departamento de Parques Infantís, "só está pendente dun trámite no servizo municipal de Intervención", polo que "xa está todo a punto para que poida iniciarse en agosto". O proxecto visualiza unha zona de estancia destinada aos acompañantes dos nenos, situada á entrada do parque, e a propia área onde se instalarán os xogos infantís, na parte traseira do espazo.

A mellora das áreas infantís iniciouse en 2017 co lavado de cara do parque da Praza de Europa

Esta última zona contará cunha ampla variedade de estruturas de lecer que incluirán unha tirolina, un pórtico de arrandeadoiros con dúas cadeiras planas -unha para bebés e outra para persoas con diversidade funcional-, un bambán con forma de cesto, dous equipos combinados a xeito de xincana, paneis lúdicos para xogar ao tres e catro en raia, un labirinto inclusivo e varios bambáns con resortes. Amais, a área disporá dun peche perimetral e un pavimento amortecedor que combinará céspede artificial e pranchas de entre 35 e 90 milímetros de grosor.

Na zona de descanso colocaranse catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de ping-pong, dúas mesas con taboleiros -para o xadrez e o parchís- e bancos incorporados, e tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

OUTRAS OBRAS. Amais das obras de Médico Ballina, nos últimos anos téñense posto en marcha proxectos de remodelación doutros espazos infantís da cidade.

En 2017 comezaban os traballos de ampliación e mellora do parque da Praza de Europa, en Monte Porreiro, a raíz das demandas dos pais do barrio por mor do deterioro das instalacións e as condicións de inseguridade e insalubridade que presentaban.

Un ano despois, en 2018, foi o turno do parque de Campolongo, que coa súa inauguración no primeiro terzo deste ano convertíase na terceira área recreativa infantil máis grande da cidade tras o parque de Barcelos e o das Palmeiras.

PARA TODOS. Que os espazos e xogos dos parques infantís teñan en conta aos menores con diversidade funcional é un valor en alza nos traballos de remodelación dos mesmos. Algo constatábel tamén na obra que precede a esta de Médico Ballina e que seguiu o modelo do Parque das Palmeiras en canto á accesibilidade: o parque infantil de Campolongo conta con infraestruturas para cativos con necesidades especiais en ambas as dúas zonas de xogos nas que se divide.

A remodelación dos parques está pensada tamén para os menores con diversidade funcional

Na área para maiores de seis anos pódense atopar bambáns inclusivos, e para os maiores, arrandeadoiros adaptados a persoas con diversidade funcional, un xogo combinado inclusivo e un carrusel ao que poden acceder cadeiras de rodas. Algo que lembra que xogar é un dereito de todos os nenos.

Comentarios