O novo cruzamento de acusacións entre a APDR e Ence rematará nos tribunais

A asociación ecoloxista denuncia que a pasteira emprega aceite usado como combustible e a compañía "nega rotundamente" estar a incumprir a Autorización Ambiental Integrada (AAI)
Antía Mariño, Antón Masa e Carmen Peña, da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR). GONZALO GARCÍA
photo_camera Antía Mariño, Antón Masa e Carmen Peña, da Asociación Pola Defensa da Ría. GONZALO GARCÍA

Ence emprenderá medidas legais contra a APDR tras afirmar este xoves a asociación ecoloxista que a pasteira emprega combustibles ilegais nos seus procesos de produción. A compañía nega "rotundamente estar a incumplir en forma algunha a súa Autorización Ambiental Integrada (AAI) nin estar a utilizar combustibles nin ningún outro produto incompatible coa devandita Autorización", segundo recóllese nun comunicado.

Horas antes a APDR acusaba á celulosa de estar empregando aceite usado sen tratar nas súas caldeiras de biomasa. Un uso que, ao estar expresamente prohibido pola AAI coa que conta a empresa, podería supor motivo suficiente para a anulación da mesma.

"Ante as torticeiras e inxustas mentiras lanzadas pola APDR", Ence advertiu que emprenderá as medidas legais oportunas. Pola súa parte, a Asociación di estar estudando acudir á Fiscalía de Medio Ambiente de Galiza por posíbel "delito medioambiental".

NORMATIVA AMBIENTAL. A compañía reitera que "cumpre de forma escrupulosa con toda a normativa ambiental, incluída -como non podía ser doutro xeito- a orde ministerial APM/205/2018, do 22 de febreiro, que regula o uso como combustible de aceite procesado. Nesta mesma liña, a empresa tamén esixe a todos os seus provedores un certificado que avale que cumpran cos requisitos establecidos pola citada orde".

Os membros da APDR revelaron, nunha rolda de prensa, que as súas investigacións comezan a raíz do incendio que ten lugar na planta a finais de 2018 e que Ence atribuíu ao prendemento duns plásticos. Porén, unha fonte próxima ao incidente tería deixado entrever á asociación a posíbel presenza de aceites nas instalacións. Unha presenza que Antón Masa di teren comprobado: "Nós seguimos este fío e chegamos a ver que efectivamente Ence está mercando aceite usado en distintos xestores do Estado español, mesmo de Portugal e algún país africano como Mozambique". Estes xestores, entre os que se atoparían Codisol, Ingaroil ou Procesol, estarían vendéndolle a Ence cantidades de aceite que sumarían un total de 18.000 toneladas ao ano.

FALSAS ACUSACIÓNS. Segundo a APDR, o feito de empregar aceite usado suporía para a celulosa moitos cartos de aforro na produción de enerxía. "Calcúlase que aforra uns 3,5 millóns de euros anuais pola utilización deste aceite usado", asegura Masa, "E iso é un fraude á sociedade e un fraude tamén á aquelas empresas que están traballando de forma legal. E desde logo é un fraude para o sector bursátil". Para Ence, estas acusacións enmarcaríanse "no seu afán por prexudicar a esta planta e aos máis de 5.000 postos de traballo vinculados á mesma".

A asociación ecoloxista tamén advertiu das potenciais consecuencias na saúde e no medio ambiente que tería a combustión destes aceites.

Pola súa banda, Ence afirma que "as falsas acusacións da APDR contra a biofábrica de Lourizán teñen a evidente intención de xerar alarma social e de danar a reputación dunha planta que, moi ao contrario, cumpre folgadamente con toda a regulación vixente (europea, estatal e autonómica)".

Comentarios