Novo pau xudicial a Elnosa, que ve truncada a súa ampliación urbanística

O xulgado desestima o seu recurso contra a decisión do Concello de non autorizar o seu Plan Especial de Reforma Interior

Vistas a Elnosa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Vistas a Elnosa. GONZALO GARCÍA

Elnosa volve ver truncados os seus plans de consolidación nos Praceres despois de que o Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 da cidade desestime o seu recurso contra a decisión do Concello de non autorizar o seu Plan Especial de Reforma Interior.

Coa súa última proposta, Elnosa pretendía reformar o seu proceso de produción

A ampla resolución xudicial recorda os distintos pasos urbanísticos que seguiu a empresa, desde a súa instalación en marzo de 1972 ata xuño de 2016, cando presenta no Concello o PERI aludido para levar a cabo diversas obras de reforma na fábrica e terreos contiguos. Mentres tanto, un Plan Especial aprobado pola Xunta en 1989 (que afectaba tamén ao complexo de Ence), e un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que recibiu a luz verde do Goberno autonómico no ano 2033.

Coa súa última proposta, Elnosa pretendía reformar o seu proceso de produción, actualizándoo ás novas tecnoloxías, para producir cloro sen a utilización de mercurio, o que, ao mesmo tempo, serviríalle para cumprir coas estritas esixencias da Unión Europea. Unha decisión que no Goberno local foi interpretada como acción á desesperada para intentar consolidarse nos terreos gandos ao mar e evitar así a orde de peche. De aí a negativa á súa petición, aferrándose a unha serie de formalismos administrativos que estaban incompletos ademais de incumprir certos requisitos impostos polos técnicos municipais.

A titular do xulgado asegura que non se evidenciou a inutilidade ou arbitrariedade do requirimento practicado polo Concello a Elnosa, sendo evidente que a compañía non cumpriu a petición documental realizada pola administración municipal", o que motivou o arquivo do expediente.

"Esta situación faría correcta a resolución impugnada", conclúe a maxistrada.

Comentarios