Novo plantón sindical á Mesa para tratar a funcionarización do persoal do Concello

Fouces advirte de que, se non hai demanda dos sindicatos, "o Concello acordaría meter esta proposta nun caixón"
Da parte sindical, só asistiu a representante da CIG. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Da parte sindical, só asistiu a representante da CIG. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os representantes sindicais volveron darlle plantón ao Goberno local na Mesa Xeral de Negociación do Concello, que, ao igual que acontecera na última convocatoria, este venres tampocuo se puido celebrar por falta de quorum ao non ter asistido a parte sindical, agás unha representante da CIG. Entre os puntos da orde do día atopábase a funcionarización do persoal laboral, que volveu quedar sobre a mesa ao non poderse celebrar a reunión.

Segundo explicou a concelleira de Persoal, Carmen Fouces, o Concello de Pontevedra "non ten a obriga" de acometer esa funcionarización, dado que ten unha porcentaxe de laborais por debaixo do 8%, que é o máximo que permite o R.D. Lei de medidas urxentes para a reducción da temporalidade no emprego público. "Agora ben, de acometelo terá que ser antes do 30 de maio, tal e como recolle a normativa", lembrou a edil.

Segundo dixo, o interese do Concello na aplicación desta medida era dobre: continuar na liña de modernización da administración dando estabilidade a 37 traballadores e ofrecer uns beneficios aos empregados públicos que, nalgúns casos, levan décadas de servizo ao Concello.

"Parecía que era un xesto de boa vontade que podería servir para aproximar posturas entre a parte social e o Concello, pero resulta que non é unha prioridade para os sindicatos", sinalou Fouces, quen adiantou que "no caso de que non haxa demanda sindical ao respecto, o Concello acordaría meter esta proposta nun caixón e lamentablemente desaproveitaríase esta oportunidade".

Esta postura do Concello transmitíuselle este venres á única asistente á Mesa, a representante da CIG.

Persoal lembra que o comité pediu meses atrás que se iniciase o proceso de funcionarización "pero incoherentemente non se achegaron a negociar", concluiu a edil.

comentarios