Os Novos Valores 2018 chegan ao Museo

Natalia Umpiérrez, Noela Covelo, Branca Nieves Lourés e Lois Búa expoñen as obras producidas ao abeiro das bolsas creativas da Deputación
Os catro artistas presentaron este xoves a mostra xunto á directora de xestión do Museo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Os catro artistas presentaron este xoves a mostra xunto á directora de xestión do Museo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

As gañadoras e o gañador do certame Novos Valores 2018 protagonizan desde este xoves a exposición homónima que se poderá ver ata o 17 de novembro no Sexto Edificio do Museo. Natalia Umpiérrez, Noela Covelo, Branca Nieves Lourés e Lois Búa presentaron os proxectos que realizaron ao abeiro das bolsas de creación artística concedidas pola Deputación e que teñen como obxectivo posibilitar que as e os galardoados amplíen a súa formación artística. 

No acto de presentación tamén participou a directora de xestión do Museo, Sonia Mateos, quen lembrou que "hai un ano que partiron de aquí coa súa bolsa debaixo do brazo para iniciar unha viaxe creativa que culmina con esta exposición", e subliñou a vocación histórica da institución provincial "de axudar ás e aos artistas noveis", dixo. 

O xurado desta penúltima edición acordara no seu momento premiar a escultura O merecido, de Natalia Umpiérrez (Pontevedra, 1982), outorgándolle á súa autora unha das bolsas de 7.500 euros coa que a artista tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a riqueza de matices da cultura de México. Precisamente, da súa estancia nese país xurdiu a instalación Milagriños, que forma parte da mostra aberta este xoves. 

"A idiosincrasia cultural mexicana aséntase sobre as culturas prehispánicas, o proceso de evanxelización levado a cabo polos colonos españois e a proximidade xeográfica aos EE.UU. O resultado destas confluencias maniféstase dun modo caótico en escenas, cultos, construcións, situacións ou paisaxes nas que os límites que separan o ben e o mal, o belo e o feo, se difuminan", argumentou Umpiérrez, quen engadiu que a súa obra "é unha homenaxe a todos eses estratos que se mesturan, se contaminan e se deforman para conformar a cultura chilanga, e tamén unha ofrenda de gratitude pola oportunidade de vivir tales experiencias". 

Pola súa banda, a perfomance audiovisual My statement fixo merecedora a Noela Covelo (Pontevedra, 1994) dunha bolsa que lle permitiu crear A plañidera e outros contos, unha instalación formada por varias pezas que parte dunha investigación sobre o folclore do futuro e a súa oralidade. "Inclúo elementos aparentemente inconexos e que parten de temáticas distintas, pero que se sosteñen ou eu relaciono co folclore ou co popular e que na instalación se combinan a través da parte sonora", comentou a artista. 

Outra das galardoadas foi Blanca Nieves Lourés (Vigo, 1994) pola súa obra pictórica Tenrura. Agora presenta na mostra os dous proxectos que realizou ao amparo da bolsa: Vitral e Familia. Segundo confirmou Lourés, neste tempo puido realizar unha investigación sobre a pintura contemporánea empregando técnicas pouco usuais que a levou a centrar a súa liña de traballo no concepto de superficie. "Considéroo un termo clave na arte contemporánea, capaz de fiar unha serie que vai moito máis alá da pintura, o debuxo ou a escultura", dixo. 

Tras recibir o premio pola súa videocreación Synth-Bios –sobreinformación–, Lois Búa (Muxía, 1996) expón Zona de vigilância, unha reflexión sobre a tecnoloxía na que fai unha analoxía entre os serafíns e os drons. "A comparación serve como medio para pensar sobre a vixilancia continua á que estamos sometidos e para revisar o concepto de Deus", apuntou.

Comentarios