Núbebes fai gozar á cidade dos nenos

O público ateigou o Teatro Principal este venres para presenciar o espectáculo que se desenvolveu na xornada inaugural do VII Festival das Artes Escénicas para Bebés e Familias
Un momento da sesión inaugural de Núbebes. RAFA FARIÑA
photo_camera Un momento da sesión inaugural de Núbebes. RAFA FARIÑA

Poucas actividades traen tanta cola. Como se de un acto de devoción relixiosa se tratara, a xornada inaugural do VII Festival das Artes Escénicas para Bebés e Familias, Núbebes, encheu este venres o Teatro Principal cun público que para entrar formou unha fila ao longo da rúa Bastida que chegaba ata a Praza de España. "Xa parece o Día das Tres Gracias", indicou un dos moitos pais que agardaban a que se abriran as portas. 

O festival das Núbebes é un dos eventos máis soados dos que se celebran na cidade. E por que é tan especial? Pois porque é o primeiro evento de artes escénicas orientado ao público máis pequecho da casa, os nenos de ata tres anos. Mellorar a comunicación entre os peques e os maiores é un dos obxectivos que se marcan os impulsores do certame. 

Carmen Fouces, concelleira de Cultura, que participou no acto inaugural da iniciativa da que é responsable Baobab (compañía teatral especializada no público infantil fundada por Andrea Bayer e Óscar Ferreira), destacou onte que Núbebes é "un proxecto ilusionante" que demostra que "Pontevedra é a cidade dos nenos, o núcelo ao que todas as familias dirixen as súas miradas para gozar dunha ampla oferta de actividades pensadas para todos os membros do núcleo familiar. A resposta do público é espectacular". 

"Era un espazo que era necesario cubrir cun festival que é único. Non hai outro igual para bebés. Funciona moi ben e programámolo con moitísima ilusión", recalcou. 

Ante un Teatro Principal ateigado, a cantautora Cora Velasco, que acompañou a Roque (o boneco de Baoba que apadriña o festival desde os seus inicios) foi a protagonistas destacada do espectáculo inaugural da programación que continuará hoxe sábado e que se tomará un descanso despois do domingo para volver a vindeira fin de semana (días 28 e 29).

Entradas e programación
As entradas de pago para o festival (2,5 euros) están á venda en ataquilla.com e que para os espectáculos que son de balde é imprescindible recoller as invitacións que están á disposición do público na billeteira do Teatro Principal. Para as propostas da mañá poderanse retirar a partir das 10.30 horas e para as da tarde desde as 16.00. Entregaranse un máximo de catro por persoa.

Na programación prevista para hoxe destacan a sesión de contos e monicreques Baila Roque, baila a cargo de Baobab Teatro (Teatro Principal, 12.15 e 17.50 horas) e o obradoiro de baile e canto Ninananas, de Mercedes Prieto (Patronato de Turismo Rías Baixas, 12.00, 17.00 e 18.45). Tamén haberá teatro de contos xogados e un obradoiro de cociña de Xuntos (Casa Azul, 11.30, 17.15 e 18.45).

Comentarios