O núcleo de centralidade de Mourente estará rematado cara a finais de ano

Lores visitou onte as obras do futuro local social dos Campos, da sede do Leader e do novo viario de acceso entre Tafisa e Monte Porreiro 
photo_camera Lores pasou onte revista aos novos accesos ao lugar dos Campos. CONCELLO

O núcleo de centralidade de Mourente estará listo a finais de ano ou a principios de 2021. É a previsión que manexa o Concello, que impulsa tres actuacións na parroquia. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pasou onte revista a todas elas. Empezando polo futuro local social dos Campos, a que será a sede do Leader e o novo viario de acceso a Monte Porreiro desde Tafisa. Os tres proxectos contan cun orzamento que supera os 2,28 millóns de euros.

Tras a visita, na que estivo acompañado polo concelleiro do Rural, Alberto Oubiña, técnicos e responsables das empresas concesionarias, o rexedor do BNG recordou que estas actuacións levan "un investimento potente que merecen vos veciños de Mourente e dous Campos".

O centro social está a ser rehabilitado pola empresa Prace por 471.248 euros. A obra ten un prazo de execución de cinco meses. A mellora do edificio, que conta cunha superficie construída de 263 metros cadrados, completarase cunha bancada exterior para o desenvolvemento de actividades ao aire libre. Ademais, no proxecto está incluído o acondicionamento da contorna.

No mesmo complexo habilitarase unha sede para o programa Leader, que xestiona fondos europeos para o desenvolvemento de distintas iniciativas locais. A intervención conta cun orzamento de 373.964,64 euros e realízaa a firma Acevi, que ten cinco meses para terminar a obra.

A actuación na antiga escola contempla a creación na parte de arriba dunha oficina de xerencia, tres postos de traballo, unha sala de reunións e un arquivo, así como os correspondentes baños. Na planta baixa haberá un espazo de uso veciñal, cunha sala de exposicións e outra de usos múltiples.

A intervención no núcleo parroquial refórzase coa mellora das comunicacións. O viario de acceso a Monte Porreiro que executa Construcións Ramírez custará 1.002.512,76 euros. A este diñeiro hai que engadirlle outros 439.393,50 euros, que se corresponden coas expropiacións. O prazo de execución do viario será de nove meses.

Comentarios