Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

O número de adopcións cae en picado cun 80% menos en dez anos

A tendencia débese a que diminiu a cantidade de menores en condicións de seren afillados en Galicia e en países do estranxeiro 

Cada vez hai menos nenos e nenas que cumpren os requisitos para seren adoptados. "Esa é unha noticia que debería ser boa, porque significa que hai menos pequenos en situación de abandono". Así o explica Antón Mouriz, coordinador de proxectos de Manaia, a asociación galega de axuda á adopción. Dende o 'boom' dos procesos adoptivos, hai aproximadamente 15 anos, ata a actualidade, o número de procedementos deste tipo reduciuse drasticamente. Na última década, o número de expedientes na provincia descendeu máis dun 80%.

O cambio nos procesos de adopción vén determinado polo novo perfil dos nenos que precisan dunha familia

Así, se en 2007se adoptaron 147 menores en Pontevedra, o dato para 2017 é de 28 adopcións, entre as nacionais e as internacionais. A caída é máis brusca para as segundas, cun descenso do 90% nos procesos con países do estranxeiro. Así, o número de adopcións pasou de ser 96 en 2007 a nove o ano pasado. O exercicio no que chegaron máis pequenos foi en 2006, cando 113 menores de diferentes países chegaron a Pontevedra. Mais o descenso no número de adopcións non é unha tendencia que afecte só a Pontevedra, senón que é común a toda Galicia, onde os procesos pasaron de ser 336 no pico máximo de adopcións, en 2006, a baixar ata as 57 en 2017.

O número de procesos internacionais sempre foi superior ás nacionais, que se producen dentro do territorio galego. Deste xeito, aínda que as familias que afillan menores procedentes de Galicia tamén descendeu considerablemente, a baixada non foi tan brusca como nos casos internacionais. Así, en 2007 producíronse 51 autos deste tipo e o ano pasado foron 19, un 62,7% menos.

O cambio nos procesos de adopción vén determinado polo novo perfil dos nenos que precisan dunha familia. Deste xeito, se hai unha década era doado adoptar un bebé sen ningunha enfermidade, os menores que actualmente precisan unha familia, tanto a nivel nacional como internacional, teñen máis de tres anos, algún tipo de enfermidade ou necesidade especial e, en moitos casos, son grupos de irmáns. Por iso o tempo de espera para afillar un menor é tan variable. "Na actualidade, para adoptar un bebé que acaba de nacer hai que esperar arredor de sete anos, aínda que hai unha familia que acaba de recibir na casa un bebé polo que esperou dez anos", conta Mouriz.

PRAZOS. Os prazos redúcense considerablemente cando as familias están dispostas a acoller menores de máis idade ou con necesidades especiais: neste caso os expediente adoitan resolverse en cuestión de meses. "Temos que empezar a pensar nas necesidades dos menores e cambiar a perspectiva, porque ata agora, sempre que se falaba da adopción, facíase dende o punto de vista dos pais, o noso obxectivo é que se poña o foco nos nenos e nenas", explica.

Este é un concepto que cómpre interiorizar entre as familias que queren adoptar. "Pensamos que é mellor dicir que os fogares realizan un ofrecemento para adoptar un neno, porque hai que deixar de pensar en buscar un neno para unha familia, senón ao contrario. Basándonos nisto, partimos da base de que adoptar non é un dereito, senón un ofrecemento dunha familia que se pon á disposición dun menor que poida precisar dese fogar", conta Mouriz.

Neste senso, as ideas preconcibidas sobre a paternidade son un 'handicap' que é preciso superar. E é que quen quere ser pai ou nai adoita imaxinar un fillo sen problemas ou dificultades, unha realidade moi diferente á dos nenos que están en condicións de ser dados en adopción na actualidade.

O QUE HAI QUE SABER. As familias que se deciden a afillar un menor teñen que ter claros unha serie de conceptos antes de dar o paso. Para empezar, cómpre saber que a historia do menor non comeza coa súa chegada ao fogar que o adopta. "Cada un trae unhas vivencias concretas e hai que ter presente que co tempo é posible que apareza un interese pola busca das orixes", conta Mouriz. A adopción nunca pode ser un tema tabú na familia e é preciso crear un espazo de comunicación aberto no que poder expresar medos e sentimentos.

"Tamén hai que ter en conta que vivimos nunha sociedade que segue a ser racista e os nenos cos rasgos doutros países van padecer situacións de microrracismos a diario", conta Mouriz, que aposta por unha educación aberta e por que os pais desaprendan os conceptos da crianza máis ríxida.

Testemuño: "Tuve suerte, en 19 meses tenía a mi hija conmigo"

Acoller un menor doutro país era moito máis doado e rápido hai 14 anos. Así lle aconteceu a Begoña Búa e máis ao seu marido, que comezaron os trámites para a adopción dunha nena na China hai 15 anos. A espera antes de ir buscar á pequena foi curta ao comparala cos prazos que se manexan na actualidade. "A mí por aquel entonces me pareció eterna, pero la verdad es que tuvimos suerte, en 19 meses tenía a mi hija conmigo", explicaba este xoves.

Begoña fala da experiencia da adopción como un proceso positivo, con momentos mellores e peores. "Ya cuando la recogí, durante los primeros días, me di cuenta de que era una niña con carácter. Las primeras noches no durmió nada", explica. A pequena chegou a Pontevedra sendo un bebé e agora ten 14 anos. "Como todos los niños adolescentes, tengo que trabajar mucho con ella, negociar, poner límites... porque es una edad difícil", conta Búa, que aclara que a pequena é boa estudante e "non tenemos problemas en ese sentido".

Porén, a adopción require dunha formación constante por parte dos pais, por iso onte Búa participaba este xoves nun obradoiro de Manaia sobre a importancia que ten o pasado, que pode incluír episodios traumáticos, dos pequenos que son adoptados.

 

O número de adopcións cae en picado cun 80% menos en dez anos
Comentarios