O mercado laboral de Pontevedra rexistra unha leve melloría no primeiro semestre do ano

O paro baixou un 6% respecto ao ano pasado e as contratacións aumentaron nun 16,7%, aínda que cada vez hai máis empregos temporais. A metade dos parados son de longa duración
Dos operarios durante la ejecución de unos trabajos de mejora en el centro
photo_camera Dos operarios durante la ejecución de unos trabajos de mejora en el centro

Aínda que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) acaba de situar a Pontevedra como a gran cidade galega con maior taxa de paro (do 26,1%), as cifras oficiais que manexa o Instituto Galego de Estatística (IGE) arroxan un panorama bastante máis alentador que ben pode ser interpretado como unha leve recuperación do mercado laboral.

Así se desprende dos datos do primeiro semestre do ano que, comparados aos de 2014, deixan ao descuberto un repunte de contratacións e unha significante baixada no número de número de parados rexistrados no municipio da capital. Este último colectivo rexistrou un descenso do 6%, pasando dos 51.554 desempregados contabilizados entre xaneiro e xuño de 2014 aos 48.411 cuantificados durante o mesmo período deste ano 2015.

O descenso foi xeral en todos os sectores económicos, aínda que destacaron dous: a construción, onde o paro caeu un 15%, e a agricultura e pesca, onde a baixada foi do 13,3%. O sector servizos, alicerce básico da economía local, tamén rexistrou unha caída do desemprego, pero moito menos relevante e correspondente ao -4%. Quizais por este motivo séguese mantendo a regra de que seis de cada dez desocupados pertencen a esta área económica, á que están adheridos negocios tan transcendentes na cidade, como os do comercio e a hostalería.

AUTÓNOMOS. A mellora do índice do desemprego vai acompañado dunha subida do 1,7% no número de afiliacións ao réxime da Seguridade Social. Neste caso o último dato publicado refírese ao primeiro trimestre do ano (concretamente ao mes de marzo), pero serve para reforzar a lectura máis optimista das estatísticas.

De todas as categorías, a que rexistrou un maior incremento foi a de autónomos, que pasou de reunir 4.986 altas ás 5.156. O réxime xeral tamén viu aumentado o número de cotizantes, pero non así o réxime do mar e do fogar, que sufriron un total de doce baixas.

Respecto ao número de contratacións, o municipio presenciou no primeiro semestre de 2015 a firma dun 16,7% máis de contratos (12.075 en total fronte aos 10.349 de 2014). Por sectores, a agricultura e pesca volveu liderar o ranking de áreas económicas creadoras de emprego (cun 27% das contratacións), seguida da industria (23%), os servizos (16%) e a construción (13,4%)

A única pega (non por iso menos importante) é que esta xeración de emprego vai parella do crecemento da temporalidade, ata tal punto que nove de cada dez traballos que están a ser subscritos no municipio son por un tempo limitado.

Basta examinar os datos de xuño de 2015 para comprobar que dos 2.765 contratos subscritos, o 89,4% foron con carácter temporal e só o 7,8% fixérono con carácter indefinido. Un ano antes, en xuño de 2014, a contratación temporal estaba catro puntos por baixo (85,6%) e a indefinida dous puntos por encima (9,16%).

Ademais, a contratación temporal parcial, a categoría máis parecida aos ‘mini jobs’ das que hai no mercado laboral nacional, abarca o 36% dos traballos de nova creación con todo o que iso supón a nivel de inestabilidade e retribucións (coas que se fai difícil chegar a final de mes). Hai un ano había máis traballos con estas condicións, pero bastantes menos contratacións temporais a xornada completa, polo que neste caso a comparación arroxa un saldo negativo.

LONGA DURACIÓN. Onde apenas se atisban cambios é no tempo de duración das demandas de emprego. Tanto no primeiro semestre de 2014 como no de 2015, o 47% dos desocupados apareceron nas listaxes como parados de longa duración, superando o ano de espera por unha nova ocupación.

Do mesmo xeito, mantívose case intacto o número de persoas sen emprego anterior, isto é, de demandantes que aínda non tiveron a oportunidade de estrearse no mercado laboral. Segundo o reconto de xuño deste ano, atópanse nesta situación 680 pontevedreses.

Comentarios