O modelo pontevedrés interesa a Guinea-Bisáu

Un ministro do país africano visita a cidade e invita á Deputación a compartir a súa experiencia sobre agricultura e seguridade viaria
Recepción en la Deputación a la delegación de Guinea-Bisáu
photo_camera Recepción en la Deputación a la delegación de Guinea-Bisáu

O modelo pontevedrés interesa a Guinea-Bisáu. Así se puxo de manifesto o luns durante a visita dunha delegación do Goberno deste país africano a Pontevedra, onde os visitantes se reuniron co presidente en funcións da Deputación, Cesáreo Mosquera, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, en dúas recepcións oficiais que tiveron lugar no Pazo Provincial e na Casa da Luz, respectivamente.

A expedición guineana estivo formada polo ministro de Administración Territorial, Soa Naquilin; o director de servizos de Licenciamiento e Incentivos ao Investimento, Micailo Biai; o director xeral de Desenvolvemento Local, Mahalam Mane, e varios técnicos.

Todos eles mostraron o seu interese en asuntos como a seguridade viaria, a agricultura e o emprendemento. De feito, o ministro Soa Naquilin invitou formalmente á Deputación a visitar o seu país para compartir a súa experiencia neste tipo de ámbitos.

"Teremos que cadrar axendas e ver as temáticas máis interesantes a desenvolver: a pesca, a acuicultura, a agricultura..., pero tamén os viveiros e polígonos industriais e tamén a seguranza viaria, xa que, polos datos que teño, Guinea Bisáu é un país cunha gran sinistralidade para o que seguro que interesa o que levamos traballado en Pontevedra", dixo Mosquera, á vez que engadía que "haberá que ver os interlocutores, porque seguro que os concellos de Pontevedra e Vigo poden estar implicados".

PRAGAS. A delegación guineana está en Galicia para participar nas xornadas Os retos da cooperación municipalista na cooperación dos obxectivos de desenvolvemento sostible, que organiza esta semana o Fondo Galego de Cooperación en Santiago de Compostela.

A visita dos gobernantes do país africano completouse cunha expedición ao viveiro empresarial de Barro-Meis, onde se mostraron moi interesados polas incubadoras que dan acubillo a distintos emprendedores. A delegación tamén se fixou no traballo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, sobre todo en cuestións relacionadas coa loita contra as pragas que atacan aos cultivos agrícolas.

A misión guineana culminou cunha recepción oficial por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, na que manifestaron o seu interese polos avances de mobilidade na capital.

Comentarios