O novo aspecto de Urxencias do CHOP

O de Montecelo será o primeiro hospital de Galicia en dispor dun espazo innovador orientado ao confort do usuario
Recreación del diseño previsto en el proyecto para uno de los espacios a renovar en Urxencias de Montecelo
photo_camera Recreación del diseño previsto en el proyecto para uno de los espacios a renovar en Urxencias de Montecelo

O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, e os responsables do Servizo Galego de Saúde mantiveron esta semana unha reunión con representantes da empresa que levará a cabo o proxecto do Sergas para ultimar o desenvolvemento dun modelo de zonas de espera e estar centrado no usuario que se realizará, a modo de escenario demostrador, no Hospital Montecelo. Tamén participaron responsables dos servizos de Urxencias e Medicina Preventiva e persoal técnico e de mantemento, cos que se concretou a adaptación do proxecto á contorna de Montecelo e ás fases para o correcto desenvolvemento das obras. A iniciativa foi presentada este martes aos profesionais do servizo de Urxencias.

O obxectivo do Servizo Galego de Saúde con este proxecto de innovación social é dispor dun modelo xeral das salas de espera e estar dos servizos de Urxencias desde a perspectiva do usuario, o seu confort e a súa accesibilidade á información, entre outros. O de Montecelo será o primeiro hospital de Galicia en ter unhas zonas para os usuarios deste servizo con estas características. "É unha actuación que pretende adaptar a zona para a comodidade do usuario. Esperamos que a ambientación e o mobiliario sexan agradables e haberá unha zona de vending para ofrecer información en todo momento", explicou Julio García Comesaña, subdirector de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do Sergas.

Este contrato enmárcase dentro do convenio Innova Saúde, establecido entre o Sergas e o Ministerio de Economía y Competitividad, que pretende a dinamización de actividades de I+D+i no ámbito sanitario.

TRANSFORMACIÓN. Coa posta en marcha deste proxecto farase un redeseño en diversas zonas de espera e estar de pacientes e familiares no servizo de Urxencias do hospital Montecelo para convertelas nun espazo que sirva como panca de cambio cara a un modelo de prestación de servizo orientado ás persoas e que sexa un referente para a transformación das diferentes salas de espera dos hospitais do Sergas.

Partindo da análise das necesidades dos usuarios, proponse unha contorna máis armoniosa que mellore o nivel de satisfacción do servizo e contribúa á xeración de confianza, diminuíndo a posible ansiedade, axudando a entender o proceso e mellorando a intimidade e a comodidade da espera.

As obras realizaranse en diversas fases para que as molestias para os usuarios do servizo sexan as mínimas posibles e está previsto que se inicien a mediados do mes de outubro e que estean concluídas a finais de novembro.

Comentarios