O PSOE acusa de "hooliganismo" a CC OO polas súas "mensaxes de odio" sobre Ence

Tino Fernández considera "impresentable e surrealista" que o sindicato acuse os dirixentes socialistas de promover "o cambio de criterio do Goberno" fronte á prórroga da pasteira

Ence
photo_camera Ence. ADP

O portavoz do Grupo Municipal do PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, considerou "impresentable e surrealista" que CC OO acuse os dirixentes socialistas na cidade de promover "o cambio de criterio do Goberno" fronte á prórroga de Ence e xulgou que está "a mostrar unha preocupante deriva cara o 'hooliganismo', traspasando a "liña vermella" ao difundir "mensaxes de odio que os poñen no punto de mira". 

Comisións Obreiras anunciou mobilizacións en contra do PSOE durante a campaña electoral pola situación de Ence. Respecto diso, Fernández recorda que a Avogacía do Estado que é un órgano que "defende os intereses do Estado e non do Goberno, polo que as súas decisións non poden ser influídas por intereses persoais nin partidistas". 

"Creo que isto non é tan difícil de comprender e CC OO está a insultar o traballo da Avogacía do Estado. Desminto rotundamente que nós tivésemos capacidade algunha de influír na Avogacía", manifestou o portavoz do PSOE. 

Tino Fernández tamén advertiu á organización sindical que está a actuar "deliberadamente" dunha "forma irresponsable", que "pode levar importantes riscos, incluso desde o punto de vista físico, para as persoas que puxo na diana das iras dos traballadores". Así mesmo, advertiu ao secretario de Oorganización de Comisións Obreiras, José Luís García Pedrosa, de errar "no seu disparo", xa que no caso de que alguén teña algunha responsabilidade nesta situación "son a empresa e o PP, que fixeron as cousas realmente mal". 

"A empresa enganou os traballadores e o PP enganou á empresa", xulgou o dirixente socialista, quen incidiu en que o PSOE "xamais estivo a favor de nada que non sexa o traslado dentro da comarca de Pontevedra e, polo tanto, do mantemento dos postos de traballo e da pasteira na contorna" pontevedresa. "A diferenza entre peche e traslado non debería de ser tan difícil de comprender", sentenciou. 

Comentarios